A Xunta constitúe a comisión de seguridade e goberno electrónico que velará pola implantación da administración electrónica dun xeito homoxéneo e integrado en todos os seus departamentos
É o órgano colexiado ao máis alto nivel no sector público autonómico de Galicia, responsable do impulso, coordinación e decisión no ámbito da seguridade da información e do goberno electrónico.
Entre os seus obxectivos máis inmediatos está a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información do sector público e do novo Plan para o desenvolvemento da Administración e o Goberno Dixitais.
A Xunta de Galicia vén de constituír a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, o órgano colexiado ao máis alto nivel no sector público autonómico, responsable do impulso, coordinación e decisión no ámbito da seguridade da información e do goberno electrónico, no que participan todas as consellerías.
Tras a constitución deste órgano, presidido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o seguinte paso é a creación das tres subcomisións de apoio para o desenvolvemento das súas funcións.
Nun prazo máximo de tres meses crearase unha subcomisión específica no ámbito de Seguridade da Información, que se encargará de aprobar as directrices e instrucións en materia de seguridade da información e velar polo seu cumprimento; unha subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica, á que lle corresponde propoñer as medias para adaptarse ao Esquema Nacional de Interoperablidade e o seguimento das actuacións para implantar a eAdministración no sector público; e a subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto, que terá entre as súas funcións difundir a guía de políticas web corporativas, incorporar novos portais e servizos web sociais e propoñer plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá.
Obxectivos máis inmediatos
Entre os obxectivos máis inmediatos da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico está a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información, que será a folla de ruta da Xunta de Galicia no ámbito da seguridade da información para os próximos tres anos. Un Plan que establece as medidas para garantir a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións, e os servizos electrónicos, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través destes medios.
Outro dos obxectivos a curto prazo da Comisión é a aprobación novo Plan de desenvolvemento da Administración e o Goberno dixitais 2014-2020, que permitirá evolucionar e consolidar as medidas desenvolvidas desde 2010, ano no que se puxo en marcha a primeira estratexia para avanzar cara unha verdadeira administración electrónica. Entre os retos fixados para o novo período está completar a implantación do sistema único de rexistro, o servizo de notificacións telemáticas, un sistema para simplificar a tramitación online, a posta en marcha do arquivo dixital, a consolidación do nodo de interoperabilidade e a creación dun rexistro único empresarial e dunha plataforma global de subvencións.
Decreto aprobado no Consello da Xunta
A creación da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, está recollida no Decreto polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que foi aprobado no Consello da Xunta do pasado 5 de xuño. O decreto establece a creación dunha comisión interdepartamental que se ocupará das medidas administrativas, organizativas e tecnolóxicas para a aplicación da administración electrónica de xeito homoxéneo e integrado en todos os departamentos autonómicos.