A Xunta consolida a itinerancia de asuntos entre xulgados e fiscalía para simplificar, axilizar e mellorar a coordinación xudicial
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presidiron esta mañá na Coruña a reunión da Comisión Mixta
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta da Fiscalía, na que abordaron, entre outros asuntos, os avances logrados no primeiro semestre do ano en canto a modernización tecnolóxica.
Neste sentido, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, presentou na reunión os resultados acadados ao abeiro do Plan Senda 2014 nas actuacións referidas ao ámbito específico das fiscalías.
Desde xaneiro de 2013 está activo en todos os partidos xudiciais de Galicia o proxecto de itinerancia de procedementos, que permite o traslado de xeito telemático de asuntos dende os Xulgados á Fiscalía. Tan só no primeiro semestre do ano trasladáronse deste xeito máis de 63.000 asuntos entre os xulgados das catro provincias galegas e as fiscalías.
O proxecto incide notablemente na mellora da eficiencia no funcionamento das oficinas xudiciais e fiscais e ten catro obxectivos principais: favorecer a coordinación entre as fiscalías e os xulgados; mellorar a xestión e o control da actividade; aumentar a produtividade en ambas oficinas e simplificar e axilizar os procedementos xudiciais.