A Xunta conmemora o Día Internacional da Muller Rural cunha xornada para pór en valor o emprendemento destas mulleres

Mércores 15 de Outubro de 2014

A Xunta conmemora o Día Internacional da Muller Rural cunha xornada para pór en valor o emprendemento destas mulleres

O encontro estivo organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade e contou para a súa inauguración coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Susana López Abella insistiu na necesidade de axudar ás mulleres rurais a superar os obstáculos que lles impiden avanzar laboralmente e demostrar o seu potencial.

A titular de Medio Rural destacou o foro como unha proba evidente de que o dinamismo e a iniciativa empresarial da muller rural vai cobrando visibilidade.

A Amtega está a impulsar a integración da tecnoloxía en todos os sectores produtivos para mellorar a súa eficiencia e incrementar a súa produtividade.

Presentouse emprendedorasgalicia.es, un portal para que as emprendedoras, especialmente do eido rural, deu a coñecer e vender os seus produtos.

A Xunta conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller Rural coa celebración dunha xornada destinada a por en valor o emprendemento feminino no medio rural e detectar os principais obstáculos das mulleres á hora de iniciar unha aventura empresarial.

Esta mañá inaugurouse na Escola Galega de Administración Pública (Egap) o l Encontro de intercambio de experiencias entre profesionais, unha iniciativa organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade baixo o título de ‘A muller rural. Os retos: emprendemento, conciliación e corresponsabilidade’.

No acto participaron a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; e o director da Escola de Organización Industrial, Fernando Baión.

López Abella sinalou que un dos obxectivos que se marca o Goberno galego é o de incentivar o emprendemento orientado ás mulleres rurais e insistiu na necesidade de axudarllas a superar os obstáculos que lles impiden avanzar neste sentido para que poidan demostrar todo o seu talento e potencial.

Segundo destacou a secretaria xeral, as emprendedoras rurais son exemplo de innovación, creatividade e empoderamento e constitúen os verdadeiros motores da nosa economía rural. Por iso asegurou que desde a Xunta vaise apoiar ás mulleres para que innoven, cren ideas e produtos competitivos, xa que “unha vez que o fan, son imparables”.

Maior visibilidade da muller rural
Pola súa banda, Rosa Quintana felicitou aos promotores do foro e describiuno como unha proba evidente de que o dinamismo e a iniciativa empresarial da muller rural vai cobrando visibilidade. Neste sentido, enxalzou o traballo da muller rural galega e sinalou que hoxe está a dar un salto cualitativo no desempeño das súas actividades.

Isto pode verse, explicou, nas moitas iniciativas empresariais rexentadas por mulleres rurais e salientou, entre outros exemplos, a Granxa Maruxa, na que tres emprendedoras foron quen de estender a toda España as súas galletas de nata. Tamén fixo referenza ás mariscadoras de Baiona e ao seu paté de percebes, premiado e recoñecido pola Unión Europea. Todas estas iniciativas, destacou, buscaban un valor engadido a actividades xa existentes e lograron facerse cun oco nos mercados local, autonómico e estatal.

Tecnoloxía en todos os sectores produtivos
Finalmente, Mar Pereira sinalou que unha das liñas estratéxicas de actuación da Amtega nesta lexislatura é a de impulsar a integración da tecnoloxía en todos os sectores produtivos para mellorar a súa eficiencia e incrementar a súa produtividade. Un obxectivo que se aborda, engadiu, tendo en conta que o 95 por cento do tecido empresarial galego son pemes, micropemes e autónomos, dos cales o 41 por cento son mulleres.

Pereira afirmou que para integrar a tecnoloxía nas pemes galegas é preciso contar cun territorio conectado e dinamizar o uso das TIC. As medidas do Plan de Banda Larga dotaron de acceso á Rede a familias e empresas de máis de 15.000 núcleos do rural e as 98 aulas da rede Cemit -con máis de 38.000 usuarios rexistrados, o 57 por cento mulleres- ofrecen formación dixital gratuíta en todas as comarcas galegas.

A estas actuacións súmanse as do Centro Demostrador TIC, onde pemes e autónomos galegos poden coñecer a oferta de servizos e solucións TIC para o seu sector. Pereira destacou que o portal emprendedorasgalicia.es encaixa nesta filosofía de integración das TIC, un portal con vocación de converterse no espazo de referencia do emprendemento en Galicia.

Emprendedorasgalicia.es
Precisamente, na primeira parte do encontro presentouse esta plataforma de emprendemento feminino de Galicia, froito da colaboración entre a Xunta e a EOI; ademais doutras iniciativas relacionadas co emprendemento feminino como o programa EMEGA ou o proxecto Emprendedoras de Galicia.

Emprendedorasgalicia.es é un portal para proporcionar ás emprendedoras galegas, especialmente do eido rural, unha canle para dar a coñecer e vender os seus produtos a nivel local, nacional e internacional. Un espazo na Rede orientado a que as emprendedoras poidan acceder ao comercio electrónico dun xeito sinxelo.

O proxecto nace orientado a un perfil concreto pero con vocación de converterse nun espazo único sobre o emprendemento en Galicia, con información sobre os recursos de apoio, subvencións, trámites e información precisa sobre como crear unha empresa.

Participación activa dos CIM
A xornada contou tamén cunha mesa redonda sobre o funcionamento e a importancia dos Centros de Información á Muller, os CIM, na que participaron directoras destes centros nas Comunidades de Galicia, Asturias, Estremadura e Castela-A Mancha. Xa pola tarde, foi a quenda dos grupos de traballo sobre a Igualdade, que se centraron na conciliación da vida laboral e familiar no medio rural e na importancia da coeducación e a corresponsabilidade. Para abordar estes dous aspectos contouse coa participación activa de distintas traballadoras dos CIM das catro provincias galegas.