A Xunta concede axudas para a conexión a internet de ata 350 Mbps a 40 empresas e autónomos de zonas illadas do rural
O importe das subvencións ascende a preto de 500.000 euros, o orzamento máximo dispoñible na convocatoria
É a segunda actuación do Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á lanzada en 2016 para dotar de conexión a redes ultrarrápidas a 81 polígonos industriais
Un total de 40 empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural se beneficiarán das axudas da Xunta para acceder a internet de banda larga a través de redes ultrarrápidas. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de resolver a convocatoria destas axudas, que supoñen preto de 500.000 euros, o orzamento máximo dispoñible na convocatoria. As subvencións solicitadas polas empresas beneficiarias comprenden entre o 70% e o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga de ata 350 Mpbs ás empresas.
Estas liña de axudas cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) e é a segunda das actuacións do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios desta convocatoria de subvencións son un total de 40 empresas e autónomos situados todos eles en zonas illadas do rural sen cobertura de redes de banda larga de 30Mbps ou máis.
As empresas beneficiadas abranguen diferentes sectores produtivos: alimentación, agricultura, hostalaría, asesoría, xestión de residuos, inmobiliario ou enerxético, entre outros.
Os importes das axudas solicitadas polos beneficiarios van dende os 2.000 euros ata os 20.000 euros e os servizos de banda larga ultrarrápida que se proveerán permitirán velocidades de acceso a internet dende os 50Mbps ata os 350Mbps.
A mellora da velocidade de acceso a internet nas empresas beneficiarias, con respecto aos servizos actuais dos que dispoñen, superará os 80Mbps en case o 90% dos casos chegando incluso a acadar máis dos 300Mbps nalgunha das empresas beneficiarias das axudas.
Redes ultrarrápidas en polígonos
Esta convocatoria é a segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
Plan de Banda Larga 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.