A Xunta concede aos operadores telefónica e iberbanda as axudas para dotar de banda larga este ano a 27 concellos do sur de Lugo e a súa contorna e a 106 núcleos do rural galego
O Goberno galego, no marco do Plan de Banda Larga 2010-2013, achegará 1,2 millóns de euros para as dúas iniciativas que xerarán un investimento global de máis de 2,7 millóns de euros
Telefónica implantará redes de transporte de alta capacidade en 106 núcleos de poboación da contorna rural de Galicia o que posibilitar o acceso á banda larga a case 24.000 habitantes sen cobertura antes do remate de 2010
O servizo ofertado por Telefónica acadará cando menos os 6 Mbps de baixada e 640 Kbps de subida
Pola súa banda, Iberbanda despregará redes sen fíos en 22 concellos do sur de Lugo, 5 da Ribeira Sacra ourensá e 1 de Pontevedra para posibilitar o acceso ao servizo de banda larga a máis de 28.000 habitantes no presente ano
A solución técnica empregada por Iberbanda está baseada na nova tecnoloxía Wimax Móbil en banda licenciada que garantirá a cobertura e a capacidade do servizo de banda larga nas zonas do sur de Lugo
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de conceder axudas por un importe de 1,2 millóns de euros para as actuacións de despregamento de redes de banda larga no ano 2010 nas zonas da contorna rural de Galicia con máis dificultades de acceso ao servizo. Unha medida que se enmarca no acordo subscrito entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013.
Así o resolveu Agader, asesorada e apoiada na parte técnica de todo o procedemento pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, como entidade responsable da xestión do Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013, tras revisar as solicitudes presentadas polos operadores que optaron, en réxime de concorrencia competitiva, ás subvencións previstas en dúas ordes de axuda publicadas no DOG o pasado 23 de xuño e 2 de xullo, respectivamente.
Deste xeito, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concedeu a Telefónica a extensión de redes fixas que garantan o acceso ao servizo de banda larga a máis do 80% da poboación, á meirande parte dos centros da administración pública e aos polígonos e parques empresariais nos núcleos rurais establecidos.
Pola súa banda, Iberbanda resultou beneficiaria das axudas para a extensión de redes de acceso de banda larga en 27 concellos do sur da provincia de Lugo e da súa contorna (22 concellos do sur de Lugo e 5 na Ribeira Sacra Ourensá).
A Xunta achega preto dun total de 1,2 millóns de euros para ambas actuacións que, xunto co investimento privado previsto polos operadores en cuestión, acadarán un investimento global de 2,7 millóns de euros.
Redes de alta capacidade en poboacións rurais
Cun investimento de 1,8 millóns de euros dos que a Xunta subvenciona 575.314 euros, Telefónica estenderá no ano 2010 redes de transporte de alta capacidade en 106 núcleos de poboación, da contorna rural de Galicia de máis de 100 habitantes que actualmente non contan con acceso á banda larga. Deste xeito, case 24.000 habitantes poderán ter un servizo de acceso de calidade a Internet. Ademais, o despregue destas infraestruturas garantirá o acceso ao servizo de banda larga de calidade a todos os puntos de demanda dependentes da administración tales como centros educativos, centros de saúde, etc. así como aos parques empresariais e polígonos industriais presentes nos núcleos rurais establecidos.
Características dos servizos
Telefónica establece a velocidade mínima do servizo a ofertar en 6 Mbps de baixada e 640 Kbps mellorando así, a velocidade mínima de 2Mbps de baixada e 512 Kbps de subida que se establecía na convocatoria publicada no DOG. Con todo, Telefónica comprométese a consolidar a finais deste ano2010 a velocidade de 10 Mbps de baixada como oferta de referencia sen variacións nas tarifas, desenvolvendo ademais unha oferta a prezo máis reducido naqueles puntos onde non sexa posible ofertar os 10Mbps.
Adicionalmente, ás melloras relativas á velocidade de servizo, o operador ofrecerá un amplo paquete de melloras significativas para os usuarios tales como, servizos para o desenvolvemento da domótica, da teleasistencia, para a accesibilidade a contidos multimedia nas pantallas de móvil, PC e Tv, así como, outros servizos de entretenemento.
Redes sen fíos en 27 concellos do sur de Lugo e a súa contorna
Iberbanda posibilitará o acceso ao servizo de banda larga de calidade a máis de 28.000 habitantes dos 27 concellos – 22 na provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); 10 no sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); e 5 na provincia de Ourense (Nogueira de Ramuín, A Peroxa A Teixeira San Cristovo de Cea e Vilamarín)- nos que se despregarán redes sen fíos durante o ano 2010. Para esta actuación, Iberbanda previu un investimento total de 891.200 euros dos cales 624.000 serán subvencionados pola Xunta.
Características dos servizos
A solución ofertada por Iberbanda empregará a tecnoloxía sen fíos Wimax Móbil de banda licenciada que, prestará un servizo mínimo esixido de 2 Mbps de velocidade de baixada e 512 Kbps de subida cun 20% de caudal garantido o 95% do tempo.