A Xunta colabora coas librarías para facilitar ás familias a compra dos libros de texto do próximo curso a través do teléfono móbil
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, asistiu hoxe en Santiago á presentación deste proxecto, que contará cunha páxina web na que tamén se poderán facer as reservas e no que participan todos os libreiros asociados á federación galega do sector
Destacou que esta iniciativa contribúe a modernización e dixitalización das librerías, dentro do impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria por mellorar a súa competitividade
Esta acción súmase ao I Programa de Apoio á Transformación Dixital posto en marcha polo Goberno galego para fomentar a implantación das novas tecnoloxías no sector
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá en Santiago na presentación da nova web da Federación de Librarías de Galicia, que preside Pilar Rodríguez Álvarez, que permite formalizar a reserva dos libros de texto para o curso educativo 2016-2017 a través do ordenador ou na aplicación específica para teléfono móbil. A Xunta colabora coa entidade nesta iniciativa que, ademais de facilitar a compra de material escolar por parte das familias, aposta polas novas tecnoloxías e a dixitalización dos procesos no sector libreiro, o que ao mesmo tempo supón mellorar a súa competitividade.
A páxina web www.librarias.org/reservadelibros e a aplicación de teléfono móbil facilitarán, a través dos establecementos asociados á Federación de Librarías de Galicia, a reserva dos libros de texto para todos os ciclos de Educación Infantil, Primaria, Especial e Secundaria Obligatoria dos colexios da Comunidade galega. Deste xeito, as familias poderán reservar os libros para o próximo curso sen necesidade de acudir ao establecemento.
Os interesados terán que cumprimentar os datos persoais, así como os relativos ao colexio e ao curso do alumno, e ademais poderán enviar unha fotografía coa listaxe de libros de texto que necesitan ou achegar un arquivo do documento en formato electrónico. A solicitude envíase a través dun correo electrónico á librería, que poderá enviar notificacións aos clientes confirmando o pedido ou solicitar outro tipo de información que sexa necesaria para completar o pedido.
Para axudar a promover a posta en marcha deste proxecto, a directora xeral de Comercio indicou que o próximo 30 de setembro se sortearán 100 estancias familiares na Ribeira Sacra durante o curso 2016-2017 entre as familias que realicen a reserva dos libros a través desta nova aplicación.
Sol Vázquez destacou que esta iniciativa se enmarca dentro do compromiso fixado desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para acadar a modernización e dixitalización do pequeno comercio e, neste caso particular, das librarías. Neste sentido, sinalou que o emprego das novas tecnoloxías por parte do libreiros reforza a súa competitividade comercial.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén unha estreita colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, con campañas de dinamización comercial e o desenvolvemento do smart commerce e de aplicacións e webs para teléfonos móbiles. Así, a directora xeral de Comercio recordou a posta en marcha este ano do I Programa de Apoio á Transformación Dixital do sector, coa participación de preto de 200 librarías, que adquiren coñecementos, comparten experiencias e resolven as súas dúbidas con profesionais, unha formación directa que é posible a través das clases impartidas en liña nas aulas CeMIT, distribuídas por toda a xeografía galega.
Deste xeito, as librarías reciben formación teórica e práctica que contribúe ao fomento da implantación das novas tecnoloxías nos seus establecementos, unha modernización e renovación empresarial estratéxica que favorece o impulso do sector e mellora a produtividade dos negocios.
Plan estratéxico e campaña Smart Commerce
Para favorecer a consecución de todos estes obxectivos no comercio de proximidade galego, a Consellería ten en marcha o Plan estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, ao que destina 70 millóns de euros ata 2020. En concreto, son 55 accións específicas que buscan acadar tres retos fundamentais: afianzar a renovación do sector comercial; potenciar o comercio excelente a través da súa dinamización e mellora continua; e impulsar o smart commerce e o comercio electrónico.
De feito, a Xunta vén de presentar esta semana a campaña Smart Commerce, coa que pretende dar maior visibilidade aos establecementos que se sumaron ao impulso do comercio intelixente e á aplicación das novas tecnoloxías. Entre as iniciativas que se inclúen, está a posta en marcha dunha páxina web (www.smartcommerce.gal) que servirá de plataforma para unir, dar visibilidade e potenciar aos comerciantes que melloraron os seus establecementos a través das novas tecnoloxías, creando deste xeito novas canles de venda máis próximas ao cliente. A campaña complétase cun perfil en redes sociais que actuará de canle de comunicación directa cos comerciantes, ao tempo que favorece a participación dos establecementos para que se sumen a esta aposta polos novos sistemas de comercialización.
Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén aberta a convocatoria para a primeira edición dos premios Smart Commerce de Galicia, na que se galardoará ás mellores iniciativas en cada provincia, destacando unha das catro como a mellor da comunidade, ademais de distinguir á mellor labor en comercio electrónico e á mellor estratexia en redes sociais. Os comerciantes poden presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 22 de agosto. Cun reparto en premios de 8.500 euros, a Xunta quere destacar a labor dos comercios tradicionais para impulsar a innovación do seus negocios a través das novas tecnoloxías e visualizar a excelencia e importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.