A Xunta celebra o regulamento do mercado único aprobado polo Parlamento Europeo
Supón o remate das tarifas de itinerancia ou roaming en 2017, evitando os sobrecustos pola utilización das redes móbiles no resto dos países da Unión.
Permite avanzar cara un trato igualitario de todo o tráfico de Internet e favorece que todos os europeos teñan acceso a servizos en liña sen discriminación.
Contribuirá a conseguir os obxectivos da Unión Europea para que todos cidadáns conten con cobertura de redes ultrarrápidas en 2020.
A Xunta de Galicia valora positivamente a nova normativa aprobada polo Parlamento Europeo, que regula o mercado único do sector das telecomunicacións. Así o sinalou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión Comisión 6 ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia.
Pereira indicou que a Administración autonómica estima, por unha banda, que a nova normativa supón o remate das tarifas de itinerancia ou roaming en 2017, o que evitará que existan sobrecustos pola utilización das redes móbiles no resto dos países da Unión.
Doutra banda, no que respecta a neutralidade da rede, a directora da Amtega destaca que o novo regulamento permite avanzar cara un trato igualitario de todo o tráfico de Internet e favorece que todos os europeos teñan acceso a servizos en liña sen discriminación.
Neste sentido, apuntou que se garante o dereito dos usuarios a acceder á información e contidos da súa elección, á vez que obriga aos provedores de servizos de acceso a internet a tratar todo o tráfico de maneira equitativa e sen discriminación, restrición ou interferencia, independentemente de quen sexa o emisor e o receptor. Deste xeito, búscase evitar que quede na man dos operadores aplicar bloqueos ou estrangulamentos ao tráfico de datos de determinados servizos ou aplicacións.
Ademais, o regulamento europeo busca mellorar a transparencia para os consumidores obrigando aos operadores a ter que informar aos seus abonados das velocidades de Internet garantidas e as consecuencias do incumprimento das mesmas.
Supervisión estatal
A responsable de departamento autonómico indicou que o regulamento dá competencias aos Estados para vixiar o cumprimento das obrigas dos operadores e para impoñerlles características técnicas, requisitos mínimos de calidade de servizo e outras medidas cando resulte necesario para garantir a protección do acceso á internet aberta.
Mar Pereira lembrou que no caso de España, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información e a Comisión Nacional dos Mercados de la Competencia son os organismos estatais que velarán para que se cumpran as obrigas que establece o regulamento.
Obxectivos compartidos con Europa
A responsable do departamento tecnolóxico autonómico, subliñou que o Goberno galego defende unha internet neutral, na cal se protexa aos usuarios de posibles prácticas abusivas. Pereira incidiu en que desde a Administración autonómica ve positiva unha regulación que fomente que a rede de redes sexa cada día unha ferramenta máis útil para a nosa cidadanía e empresas e se consolide como unha fonte de negocio e servizos para toda a sociedade.
A Unión Europea manifesta que a adopción destas normas ten como obxectivo contribuír a conseguir os obxectivos da Unión Europea de que todos os cidadáns conten con cobertura de redes de banda larga de alta velocidade no ano 2020, obxectivo que comparte a Xunta de Galicia.