A Xunta busca co Plan de Sistemas TIC para a Administración de Xustiza unha atención ao cidadán máis rápida, fiable e accesible

Xoves 10 de Decembro de 2009

A Xunta busca co Plan de Sistemas TIC para a Administración de Xustiza unha atención ao cidadán máis rápida, fiable e accesible

Este plan permitirá avanzar no expediente electrónico xudicial, integrando toda a información procesal e automatizando procedementos para facelos máis rápidos e seguros. Adecuará a normativa autonómica á Lei de Protección de Datos. O Plan de Sistemas deseñarase tendo en conta a opinión dos distintos colectivos de profesionais implicados. “Os cidadáns demandan máis axilidade, fiabilidade e maior simplicidade no acceso”, afirmou Mar Pereira. A secretaria xeral participou nunha mesa redonda da Fiscalía General del Estado tras asinar en representación do Goberno galego a adhesión ao EJIS (Esquema Judicial de Interoperabilidad y Seguridad) co Ministerio de Justicia, a Fiscalía, o Consejo General del Poder Judicial e outras autonomías.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, explicou hoxe en Madrid que o Goberno galego busca, co Plan de Sistemas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para a Administración de Xustiza en Galicia, ofrecer ao cidadán unha atención máis rápida, fiable e accesible. Así o manifestou Mar Pereira, esta tarde, na mesa de traballo da Fiscalía General del Estado, El sistema de información del Ministerio Fiscal, na que participou tras asinar en representación do Goberno galego o convenio de adhesión ao EJIS, Esquema Judicial de Interoprabilidad y Seguridad, co Ministerio de Justicia, o Consejo General del Poder Judicial e a. Fiscalía General del Estado.

Mar Pereira destacou que o programa de eGoberno da Xunta de Galicia identifica a xustiza como unha liña estratéxica de actuación, xunto a outros eidos como a educación ou a sanidade, máis sensibles para a cidadanía. Así, salientou que a posta en marcha do primeiro Plan de Sistemas TIC para a Administración de Xustiza de Galicia se corresponde con esta sensibilidade.

A secretaria de Modernización abondou que, na elaboración deste Plan, se tivo en conta a opinión dos profesionais do sector xa que, segundo explicou, o Plan de Sistemas non é só unha cuestión tecnolóxica senón que debe contar coa participación dos profesionais directamente implicados.

Eixes do Plan 
Pereira salientou, no transcurso da súa intervención, que o Plan de Sistemas TIC para a Xustiza supón unha revisión integral do modelo de sistemas co obxectivo de materializar o expediente electrónico xudicial. Neste sentido, a secretaria xeral nomeou, como eixes do Plan: a integración de toda a información procesal; normalizar e automatizar procedementos, trámites e documentación para reducir tempos de tramitación e resposta; garantir a calidade, coherencia, fiabilidade, normalización e dispoñibilidade da información rexistrada; facilitar a interacción e a conectividade dos asuntos procesais; ser accesible desde calquera punto xeográfico e para calquera operador xurídico que o precise; permitir o mantemento do importante activo que supón todo o histórico de expedientes xudiciais; e facilitar a normalización do uso das ferramentas de administración electrónica.

A secretaria xeral de Modernización salientou que no Plan de Sistemas TIC revisarase o modelo de sistemas de información en Galicia para incorporarse plenamente ao convenio EJIS, ademais de adecuarse á normativa de Protección de Datos de caracter persoal dos cidadáns.

“O expediente electrónico xudicial debe ir vinculado ao cumprimento das expectativas dos cidadáns cada vez máis demandantes de servizos dunha administración de xustiza accesible”, asegurou Mar Pereira, quen engadiu que a execución do Plan de Sistemas debe ir parella á posta en marcha da nova Oficina Xudicial.

Xornada de presentación do EJIS 
A mesa redonda na que participou a secretaria xeral de Modernización formou parte da xornada de Presentación do EJIS que se desenvolveu durante todo o día no Ministerio de Justicia. Xunto a Mar Pereira interviñeron nesta mesa de traballo o director general de Modernización de la Justicia del Ministerio, José de la Mata, o fiscal da Unidad de Apoyo da Fiscalía General del Estado, Francisco Moreno, e a secretaria autonómica de Justicia da Comunidade Autónoma de Valencia, Patricia Montagud Alario.

O convenio EJIS (Esquema Judicial de Interoperabilidad y Seguridad) foi subscrito o pasado mes de setembro entre o Ministerio de Justiza, o CGPJ e a Fiscalía General del Estado. Esta mañá, 11 comunidades autónomas -entre elas Galicia- asinaron a súa adhesión ao devandito acordo. A Galega foi das primeiras autonomías en amosar, o pasado mes de outubro, o seu interese en adherirse a este convenio que establece a colaboración entre estas administracións co fin de optimizar e aumentar a efectividade na aplicación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial.