A Xunta avoga pola colaboración de pais e nais para que os seus fillos fagan un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou a XII xornada “Educando en Igualdade” centrada na convivencia dixital
Profesionais e expertos na materia debaten sobre o emprego saudable dos medios dixitais, sobre todo das redes sociais, na infancia e adolescencia
O Goberno galego considera fundamental a colaboración e a implicación dos pais e nais para que os seus fillos fagan un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías. Precisamente para afondar sobre este tema celébrase hoxe a duodécima edición da xornada “Educando en Igualdade”, que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade baixo o título “cidadanía e convivencia dixital”.
Na xornada, profesionais e expertos na materia debaten sobre o emprego seguro e saudable das novas tecnoloxías na infancia e adolescencia, así como sobre a prevención de condutas violentas e comportamentos machistas e sexistas nos novos medios de socialización e convivencia dixital.
No acto de inauguración, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reflexionou sobre as redes sociais, que están totalmente integradas no día a día dos adolescentes polo que “ignoralo sería poñer unha venda nos ollos á nosa realidade social”.
Por iso recalcou que o deber tanto dos pais e nais coma da administración é coñecer estas redes e educar aos nenos e adolescentes nun uso responsable e seguro das mesmas, xa que eles non son quen de reparar nos seus inconvintes. Para atallar o mal uso das novas tecnoloxías é preciso dispoñer de información axeitada e abordar as necesidades educativas neste terreo.
Precisamente con xornadas coma esta preténdese contribuír a que os pais dispoñan das ferramentas necesarias para velar polo bo uso das tecnoloxías por parte dos seus fillos.
As sesións informativas na que expertos instrúen aos maiores nas oportunidades e os riscos do mundo dixital compleméntanse con obradoiros lúdicos dirixidos aos nenos e adolescentes e adaptados ás súas idades. Trátase de educar aos rapaces no bo uso das novas tecnoloxías mediante videoxogos, animacións e outros recursos educativos.