A Xunta avanza no Plan de Desenvolvemento Rural de cara a súa optimización e para dar cobertura ás necesidades dos galegos
Entre os asuntos principais de tratamento nesta xuntanza destaca a de posibilitar axudas aos habitantes e pequenas e medianas empresas do rural para complementar a cobertura de servizos de banda larga
Outra das cuestións obxecto de estudo nesta xuntanza é a de estudar unha ampliación nas axudas de asesoramento aos agricultores
O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo, acompañado polo director Xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, preside a reunión do Comité de Seguimento do Programa Rural de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 que durante a xornada de hoxe se celebra en Lalín. O obxectivo desta xuntanza é o de optimizar o plan, dando cobertura ás necesidades dos galegos.
Entre os asuntos principais de tratamento nesta xuntanza destaca a de posibilitar axudas, no marco no Plan de Banda Larga de Galicia, aos habitantes e pequenas e medianas empresas do rural para complementar a cobertura de servizos de banda larga naquelas zonas que, polas súas condicións xeográficas ou de dispersión, non puideron beneficiarse de axudas anteriores.
Outra das cuestións obxecto de estudo nesta xuntanza é a de estudar unha ampliación nas axudas de asesoramento aos agricultores, de maneira que o número máximo de axudas de asesoramento por explotación pasaría de tres a cinco.
Ademais tamén se estudará o Informe Intermedio Anual 2011, coa análise de execución financeira e física do programa. Analizarase o cumprimento da regra n+2 referente á obriga de utilizar as dotacións financeiras definidas para unha anualidade nos dous anos seguintes, de cara a evitar a falta de cumprimento cos fondos comunitarios.
A maiores, tratarase das actividades levadas a cabo en aplicación do Plan de Avaliación Continua do PDR, e avanzarase información sobre as propostas lexislativas para o novo período de programación 2014-2020.
O comité de seguimento
A celebración deste Comité está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural, FEADER, no marco no PDR de Galicia 2007-2013. Nos últimos anos, as xuntanzas deste comité desenvólvense en poboacións de Galicia de carácter rural, posibilitando así visitas a distintos lugares do rural galego. Nesta ocasión visítase unha explotación agraria receptora de axudas agroambientais no eido do programa.
A esta reunión tamén asisten representantes da Comisión Europea así como do Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación, dos órganos xestores do programa, así como das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Facenda e da Secretaría Xeral da Igualdade.
Na xuntanza tamén participan persoas con ampla experiencia na xestión da Política Agraria Común, do propio programa e representantes das organizacións económicas e sociais con representatividade no medio rural galego.
Previamente ao Comité de Seguimento de Lalín, ten lugar unha xuntanza de traballo na que os representantes do PDR de Galicia, da Comisión Europea e do Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación, analizarán, no marco da preparación da nova programación, cuestións coma o calendario orientativo do novo período, a experiencia da programación 2007-2013 en España e a súa análise crítica a nivel do PDR galego.