A Xunta aproba o decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica e que permitirá acadar unha administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día, 365 días ao ano

Xoves 02 de Decembro de 2010

A Xunta aproba o decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica e que permitirá acadar unha administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día, 365 días ao ano

O presidente da Xunta afirma que, cun investimento de 26 millóns de euros ata 2013, “hoxe, damos un paso máis para establecer a relación telemática a través de internet entre os cidadáns e a Administración autonómica”

Subliña que, a finais de 2011, a páxina web da Xunta funcionará como unha verdadeira sede electrónica, “onde cada cidadán poda obter a mesma información, acceder aos mesmos servizos e poder facer os mesmos trámites que pode facer en calquera das ventanillas das distintas consellerías”

Salienta que “os trámites que polo de agora duraban semanas poden durar, deste xeito, segundos”

A edición impresa do Diario Oficial de Galicia substituirase pola edición electrónica; “garantimos o acceso universal e gratuíto de todos os galegos ao DOG, se simplifica o tempo de edición do diario e se racionaliza o gasto, cun aforro medio anual de algo máis de 1 millón de euros”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica e que dará soporte normativo “a cada unha das accións que levaremos a cabo cun investimento de 26 millóns de euros ata 2013 para acadar unha Administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día e 365 días ao ano”. “Hoxe, -dixo- damos un paso máis para establecer a relación telemática a través de internet entre os cidadáns e a Administración autonómica”.

Segundo Feijóo, hai unha serie de indicadores que acreditan que vamos “na boa dirección”: Galicia é a terceira comunidade con maior uso de Administración electrónica para obter información das páxinas web da Administración autonómica e a quinta comunidade en descarga e cumprimentación de formularios oficiais. “Polo tanto, estamos nunha boa posición para seguir avanzando e para seguir dando pasos para situarnos na cabeceira das administracións autonómicas que empregan a administración electrónica para relacionarse cos cidadáns”.

O titular do Goberno galego explicou que no seu primeiro ano, o plan márcase dous obxectivos: que a finais de 2011 a páxina web da Xunta funcione como unha verdadeira sede electrónica, “onde cada cidadán poda obter a mesma información, acceder aos mesmos servizos e poder facer os mesmos trámites que pode facer en calquera das ventanillas das distintas consellerías”; e substituír a edición impresa do Diario Oficial de Galicia pola edición electrónica, “deste xeito, garantimos o acceso universal e gratuíto de todos os galegos ao DOG, se simplifica o tempo de edición do diario e se racionaliza o gasto, cun aforro medio anual de algo máis de 1 millón de euros”.

Logo de subliñar así que “os trámites que polo de agora duraban semanas poden durar, deste xeito, segundos”; Feijóo afirmou que o Executivo galego seguirá dando paso, de forma definitiva, ás novas tecnoloxías, “e iso significa –aseverou- actuar en todas as frontes”. “Temos unha serie de obxectivos: garantir o acceso a internet a todos os galegos cun presuposto de 102 millóns de euros; introducir as novas tecnoloxías en todos os ámbitos con especial incidencia no proxecto Abalar, que é facilitar as tecnoloxías e os ordenadores a profesores e alumnos; e achegar á Administración a todos os cidadáns as 24 horas e os 365 días ao ano”, concluíu.