A Xunta aposta polo rural para que todos os cidadáns teñan as mesmas oportunidades independentemente de onde vivan

Martes 14 de Xaneiro de 2014

A Xunta aposta polo rural para que todos os cidadáns teñan as mesmas oportunidades independentemente de onde vivan

O vicepresidente visitou o Concello de Cotobade, para coñecer de primeira man varios investimentos realizados polo Goberno galego na parroquia de Caroi

Visitaron a antiga casa escola, reconvertida en local social; as melloras de varios núcleos poboacionais e a instalación dunha torre de telecomunicacións

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Concello de Cotobade, para coñecer de primeira man varios investimentos realizados polo Goberno galego na parroquia de Caroi. Rueda destacou a aposta da Xunta polo rural e asegurou que o Goberno seguirá investindo nel para que todos os galegos, vivan onde vivan, poidan dispoñer dos mesmos servizos e oportunidades.

Ademais, salientou que este tipo de actuacións son un bo exemplo dos beneficios que ofrece para os cidadáns a colaboración entre as distintas administracións, xa que son iniciativas nas que cooperan os concellos e a Xunta. Precisamente, o número dous do Executivo galego estivo acompañado na súa visita polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde da localidade, Jorge Cubela.

Entre as actuacións que supervisaron, atopase a rehabilitación da casa escola da parroquia que se transformou nun local social para o uso de todos os veciños, que agora poden realizar neste inmoble actividades de ocio, obradoiros, e cursos de formación, entre outras.

Tamén o ano pasado Cotobade recibiu unha achega de 60.000 euros a través do Plan Marco de mellora de vías municipais da Xunta que, entre outras accións, serviu para mellorar os núcleos de Cimadevila, ensanche da Igrexa e A Costa, na parroquia de Caroi.

No tocante ás telecomunicacións, colocáronse antenas receptoras de TDT en varias vivendas en Caroi, que carecían deste servizo; e este semestre estará operativa unha torre de telecomunicacións, que permitirá incrementar a cobertura de Internet, atendendo a unha petición histórica dos veciños.

Esta última iniciativa, trátase dunha importante mellora ao abeiro do Plan de banda larga da Xunta, cuxas actuacións xa teñen permitido facilitar o acceso á Internet aos habitantes de Cotobade.