A Xunta aposta pola modernización tecnolóxica da contratación pública para favorecer ás pemes e aos concellos

Xoves 19 de Setembro de 2013

A Xunta aposta pola modernización tecnolóxica da contratación pública para favorecer ás pemes e aos concellos

O director xeral da Administración Local, Norberto Uzal, participou hoxe na mesa redonda “Novos retos da contratación pública”, organizada por COSITAL

O director xeral da Administración Local, Norberto Uzal, participou esta mañá nunha mesa redonda na que destacou os avances realizados pola Xunta na modernización tecnolóxica da contratación pública e o beneficio que esta supón para as Pequenas e Medianas Empresas e concellos.

Uzal explicou que a contratación pública está sendo obxecto de numerosas accións e medidas lexislativas por parte da Unión Europea, co obxectivo de impulsar a implantación dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nos procesos que lle afectan.

Neste marco legal, unha das liñas fundamentais dirixiuse a mellorar os sistemas de información contractual; creando novas figuras, como o Perfil do contratante e as Plataformas de Contratación que, a través da Internet, se converten en ferramentas de gran axuda para o coñecemento e seguimento dos contratos en curso e para que as PEMES coñezan posibilidades de negocio co sector público e accedan facilmente as licitacións.

Uzal explicou que a Xunta, a través da Consellería de Facenda, regulou en 2010 a factura electrónica e a utilización de medios tecnolóxicos na contratación pública da Administración, creando na mesma norma a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Ademais, presentouse o Portal de Contratación (http://www.contratosdegalicia.es), que se consolidou como o principal portal de contratación das administracións públicas galegas, recollendo publicacións de máis de 200 organismos, dos cales uns 75 son entidades locais.

O Portal de Contratación naceu con vocación de ser o punto de acceso a información publicada dende todos os perfís dos órganos de contratación do sector público galego. Dende el pode accederse á consulta de anuncios de información previa, licitacións en curso, as adxudicacións máis recentes, á documentación de interese e pode consultarse os puntos de contacto e formas de comunicarse co órgano de contratación.

Licitación electrónica para concellos

Doutra banda Uzal explicou que, de xeito complementario á Plataforma de Contratos de Galicia, a Xunta está a promover a posta en marcha dunha plataforma de licitación electrónica para a súa utilización por parte dos concellos. O obxectivo é impulsar un proxecto de licitación electrónica no que teñan cabida todos os concellos de Galicia que así o consideren.

A iniciativa persegue, entre outros obxectivos, implantar un modelo de licitación electrónica ao cento por cento; facilitarlle ás entidades locais de Galicia, que así o consideren, dunha plataforma de licitación electrónica sostible; formar e capacitar aos usuarios para que poidan traballar co sistema en plenas garantías e involucrar ás entidades locais como dinamizadores do proxecto.

O titular da Administración Local tamén quixo destacar os beneficios da dita plataforma, xa que permitirá conseguir importantes aforros en termos de mantemento de sistemas; reducirá os tempos de espera na tramitación dos expedientes de contratación e fomentará entre as entidades locais o uso das TIC nas tarefas e actividades comúns. Ademais, este sistema permitiralle aos concellos utilizar a “poxa electrónica”.

O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, participou na mesa redonda “Novos retos da contratación pública”, organizada polo Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local, COSITAL.