A Xunta aposta pola modernización da Administración de Xustiza co fin de axilizar os trámites en Galicia
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou a excelente colaboración que está mantendo a Xunta coa Fiscalía e o seu compromiso coa formación
Martín inaugurou hoxe o segundo curso da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, ao que asistiu tamén o Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres Dulce
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe a aposta da Xunta pola modernización da Administración de Xustiza co fin de axilizar os trámites en Galicia, no marco da inauguración do segundo curso da Escola de Verán do Ministerio Fiscal.
Martín tamén resaltou a excelente colaboración que está a manter a Administración autonómica coa Fiscalía a través da Comisión de Coordinación, foro no cal se foron atendendo e consensuando a mellora das infraestruturas xudiciais e a incorporación das novas tecnoloxías. Así, dentro do Plan Senda 2014, implantaranse as últimas versións do programa informático para a Fiscalía chamado Fortuny e melloraranse os sistemas de videoconferencia en sala e de uso persoal.
O director xeral de Xustiza tamén quixo incidir no compromiso de colaboración que ten a Xunta de Galicia coas tarefas formativas das institucións estatais, de quen dependen os integrantes do Poder Xudicial, tanto fiscais como xuíces e secretarios.
Juan José Martín fixo estas declaracións na inauguración hoxe, en Mariñán, do segundo curso da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que xa vai pola décimo segunda edición. Tamén asistiron á inauguración o presidente da Deputación de A Coruña, Diego Calvo, o Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres Dulce, os Fiscais xefes provinciais de A Coruña, Lugo e Ourense, ademais da directora da Escola, Esther Fernández.
O tema principal deste segundo curso da Escola de Verán e que transcorrerá durante tres días permitirá afondar na proposta da Comisión Institucional sobre o chamado Código Procesal Penal, que introduce destacadas novidades como a instrución das causas polo Ministerio Fiscal ou a mediación penal, xunto co principio de oportunidade regrada.