A Xunta aposta pola axenda dixital da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como unha liña estratéxica de competitividade

Mércores 23 de Outubro de 2013

A Xunta aposta pola axenda dixital da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como unha liña estratéxica de competitividade

O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, participou en Porto na presentación do estudo sobre a dita Axenda

A Xunta considera que a implantación da Axenda Dixital da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é unha das liñas estratéxicas de competitividade do Goberno galego para os vindeiros anos. Así se puxo de manifesto esta mañá en Porto, durante a presentación das conclusións da “Axenda Dixital Local da Euro-regiao Galiza-Norte de Portugal”, na que participou o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal.

A Axenda Dixital é un documento estratéxico para o desenvolvemento integral da Sociedade da Información nas cidades e vilas da Eurorrexión. Nela apóstase pola implantación dun modelo de Información participativo e adaptable ás peculiaridades das distintas áreas urbanas. En definitiva, trátase de ensinar e capacitar ás entidades locais da Eurorrexión para que sexan capaces de implantar as súas Axendas Dixitais Locais.

A Administración Galega considera que se trata dun instrumento imprescindible para competir como rexión no novo mercado único dixital europeo e para avanzar na nova economía do coñecemento, ó tempo, que contribuirá á recuperación económica sustentable. Ademais, a súa implantación permitirá acadar unha maior eficiencia e aforro de custos nas actuacións en TIC nos concellos, posto que se dispón dun marco de planificación de actuacións en todo o territorio galego.

A Xunta de Galicia subliña tamén a importancia desta ferramenta a nivel da UE, xa que está dotada con importantes recursos orzamentarios e é un dos eixos nos que se apoiarán as políticas comunitarias no período 2014-2020.

Segundo os datos que manexa a Comisión Europea, a implantación da Axenda Dixital para Europa permitirá incrementar o PIB nun 5% durante os próximos oito anos mediante o aumento do investimento en TIC, a mellora da capacitación dos traballadores e o impulso á economía en Internet.