A Xunta apoia co Fondo i2C a comercialización dun proxecto coliderado por Gradiant que permitirá a localización de desaparecidos en zonas de difícil acceso

Mércores 18 de Marzo de 2015

A Xunta apoia co Fondo i2C a comercialización dun proxecto coliderado por Gradiant que permitirá a localización de desaparecidos en zonas de difícil acceso

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destaca a iniciativa Lifeseeker, desenvolvida pola empresa Centum en colaboración co centro tecnolóxico vigués, como “exemplo da capacidade innovadora da colaboración público-privada en Galicia”.

O produto, cuxo desenvolvemento foi apoiado a través do programa Innpacto, é capaz de detectar móbiles de persoas perdidas aínda en zonas sen cobertura, e entablar unha canle de comunicación con elas.

O sistema pode implantarse en avións non tripulados, permitindo as buscas prolongadas incluso con adversas condicións meteorolóxicas, reforzando “unha liña de traballo estratéxica para a Xunta” que se ten traducido na aposta polo Centro de Avións non Tripulados de Rozas.

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou hoxe o proxecto Lifeseeker, desenvolvido por Gradiant e a empresa Centum, como “exemplo da capacidade innovadora da colaboración público-privada en Galicia”. Varela subliñou que a Xunta apoia a través do fondo i2C a comercialización deste produto, capaz de detectar, mesmo en zonas sen cobertura, móbiles de persoas perdidas en lugares de difícil acceso como zonas de montaña ou devastadas e transmitir a súa ubicación exacta aos equipos de busca e rescate.

Varela salientou que Lifeseeker amosa o compromiso das administracións con todo o ciclo innovador en Galicia, xa que ao apoio do fondo i2C se lle sumou, durante o desenvolvemento do produto, o do programa Innpacto. “Buscamos un ecosistema que sexa quen de apoiar as empresas durante todo o ciclo innovador: desde a primeira idea á posta no mercado”, incidiu o director de Gain.

O sistema transforma os teléfonos móbiles en radiobalizas de emerxencias, e ao operar de forma completamente independente ás redes de telecomunicacións, permite ofrecer servizos de voz e mensaxería curta, permitindo aos equipos de emerxencia contactar directamente coa vítima e así informarse de primeira man sobre o seu estado de saúde.

O produto é capaz de integrarse en avións non tripulados, permitindo as buscas de longa duración sen pausa, así como o traballo mesmo en condicións meteorolóxicas adversas ou de visibilidade reducida. Neste senso, o director de Gain destacou que “a aposta polo sector dos avións non tripulados é unha liña de traballo estratéxica para a Xunta, como amosa a aposta polo Centro de Avións non Tripulados de Rozas”, un eido aliñado co camiño marcado pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Varela subliñou Lifeseeker como mostra da capacidade tecnolóxica adquirida por Gradiant e como un dos grandes referentes da innovación galega no eido das TIC. Finalmente, apuntou que a reputación do centro tecnolóxico lle está a permitir acadar contratos con empresas punteiras do sector.