A Xunta aforrará un 37% no pago de licenzas a Microsoft ao unificar os contratos de todos os departamentos autonómicos

Venres 30 de Abril de 2010

A Xunta aforrará un 37% no pago de licenzas a Microsoft ao unificar os contratos de todos os departamentos autonómicos

Esta medida permite obter mellores condicións de compra e potenciar o uso de ferramentas ofimáticas de software libre.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica unificará os contratos con Microsoft, aforrando un 37% no pago de licenzas a esta empresa. Ademais, o novo modelo contractual permitirá reducir un 18% os prezos fronte á situación anterior na que cada consellería realizaba os concursos por separado. Así se recolle no anuncio previo que se publica hoxe no Doue (Diario Oficial da Unión Europea). Posteriormente, a contratación destas licenzas realizarase mediante concurso público.

A adopción destas medidas mellora substancialmente a situación contractual herdada con Microsoft reducindo significativamente os custos. O importe que paga actualmente a Xunta por 3 anos de licenzas de Microsoft elévase a 10,5 millóns de euros dividido en múltiples contratos, a partir de agora serán 4,6 millóns de euros os que se abonarán polo mesmo período de tempo.

O promedio anual dos pagos a Microsoft con contratos individuais é de 3,5 millóns de euros que co novo contrato unificado será de 2,2 millóns de euros. Esta reformulación permite un aforro importante inherente ao plan de austeridade que está a aplicar o Goberno galego.

Software Libre

A agrupación dos distintos contratos de licenzas Microsoft existentes actualmente na Xunta de Galicia permiten dar maior transparencia á contratación de licenzas Microsoft por parte das consellerías e outros organismos dependentes da Xunta de Galicia e obter mellores condicións de compra por volume de negociación e potenciar o uso de ferramentas ofimáticas de software libre, reducindo o número de licenzas de Microsoft Office.

Esta á unha das liñas de actuación que desenvolve o Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS), da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dotado con 800.000 euros para o presenta ano. O departamento autonómico puxo en marcha esta medida tras constatar a necesitade de aunar esforzos aproveitando mellor os fondos públicos destinados á promoción do software libre e de fontes abertas para acadar un maior uso destas aplicacións na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas. Con este obxectivo o plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios e empresas de software libre e as tres universidades

No ámbito administrativo o plan contempla promover a interoperabilidade e a reutilización da información do sector público, poñendo á disposición doutros organismos da Administración os desenvolvementos realizados baixo contratos da Xunta de Galicia e financiados con fondos públicos. A Xunta impulsará o uso de documentos emitidos segundo estándares abertos nas súas comunicacións coa cidadanía e empresas e prevé á súa utilización na propia xestión interna nun futuro. Tamén se publicará unha guía de boas prácticas recomendando e definindo estándares de comunicación entre a Xunta de Galicia e a cidadanía e empresas utilizando formatos baseados en estándares abertos. Ademais, estudaranse solucións baseadas en software libre desenvolvidas por outras administracións que puideran ser de utilidade en Galicia.