A Xunta aforrará 13 millóns de euros en tres anos cun novo contrato de telecomunicacións que inclúe melloras do servizo nas áreas educativa, sociosanitaria e xudicial
O presidente da Xunta enmarca a licitación no obxectivo de acadar un mellor servizo cun menor custo e destaca que os operadores adxudicatarios deberán investir 12 millóns de euros na rede
Salienta a integración na rede corporativa dos servizos de telefonía de 1.395 centros públicos, a maioría educativos, así como a rede de datos do CIXTEC e da Compañía de Radio Televisión de Galicia, eliminando duplicidades
Pon en valor que a nova situación contractual “abrangue tamén o mantemento do equipamento electrónico de toda a Administración autonómica”, fronte ao marco en vigor actualmente, en que este mantemento é xestionado por cada un dos departamentos da Xunta
Apunta a mellora do ancho de banda e a ampliación das liñas de apoio, a posibilidade de obter rebaixas nos prezos, a renovación do equipamento obsoleto e a posta en marcha dunha aplicación para o control do gasto
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta aforrará 13 millóns de euros cun novo contrato de telecomunicacións que inclúe melloras do servizo nas áreas “fundamentais” educativa, sociosanitaria e xudicial. “Desbloqueamos os trámites necesarios para poder adxudicar no primeiro semestre deste ano o contrato de telecomunicacións da rede corporativa da Xunta, que proporcionará servizo de Internet, telefonía fixa e móbil aos máis de 3.000 centros da Administración pública”, aseverou, logo de incidir en que se trata dun servizo “fundamental para o funcionamento de toda a Administración”, con cuxa licitación se procurou ter “un mellor servizo cun menor custo”.
Deste xeito, ademais de ter un orzamento de 39,3 millóns de euros -3 millóns menos que o contrato anterior- o que permitirá aforrar uns 13 millóns de euros en tres anos, Feijóo precisou que o novo contrato inclúe tamén melloras que requirirán dun investimento por parte dos operadores adxudicatarios de 12 millóns de euros.
Segundo avanzou, a licitación do concurso será publicada nos vindeiros días pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. E entre as principais medidas de aforro destaca a integración na rede corporativa dos servizos de telefonía de 1.395 centros públicos, na súa maioría centros educativos, o que “vai repercutir, sen ningunha dúbida, nunha mellora da xestión das telecomunicacións de todos os centros de primaria, secundaria ou de formación profesional da administración educativa”, sinalou.
Así mesmo, integrará as redes de datos do CIXTEC e da Compañía de Radio Televisión de Galicia na rede da Xunta, de xeito que se eliminarán duplicidades de rede e se incrementará a redundancia nas comunicacións, garantindo a súa dispoñibilidade a pesar das posibles incidencias.
Feijóo detallou que a nova situación contractual “abrangue tamén o mantemento do equipamento electrónico de toda a Administración autonómica”, fronte ao marco agora vixente en que este mantemento é xestionado por cada un dos departamentos da Xunta. O novo contrato implica asumir o mantemento de toda a infraestrutura, reducindo custos ao centralizar a contratación.
Ademais da mellora do ancho de banda e a ampliación das liñas de apoio –especialmente en centros educativos, sociosanitarios e os xulgados-, o novo concurso prevé melloras adicionais como o obter rebaixas no prezo dos servizos que se prestan en caso de que a Comisión do Mercado de Telecomunicacións ou organismos internacionais establezan reducións nos prezos de mercado.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que o contrato prevé tamén a ampliación a 5 gigas da capacidade da rede corporativa, a renovación do equipamento que estea obsoleto, así como a homoxeneización dos sistemas de seguridade no acceso a internet, reforzando a seguridade ante posibles ataques externos.
No tocante á telefonía móbil, cómpre subliñar que o contrato recolle a posta en marcha dunha aplicación para o control do gasto, tarifas planas de datos internacionais con límite de gasto, ferramentas de xestión remota e de solucións de seguridade para dispositivos móbiles, e mellora da cobertura móbil en determinados edificios da Xunta.
“En definitiva, seguimos a esforzarnos por ter unha Administración útil, é dicir, con mellores servizos a menores custos. Hoxe, cun novo contrato de telecomunicacións da Xunta que permitirá aforrar 13 millóns en tres anos; que integrará na rede corporativa as redes de datos do CIXTEC, da CRTVG e os servizos de telefonía de 1.400 centros públicos, e permitirá reforzar as comunicacións das áreas educativa, sociosanitaria e xudicial”, concluíu o presidente da Xunta, a modo de resumo.