A Xunta adxudicou investimentos desde xullo por valor de 2 millóns de euros no marco de execución do Plan Tic de medidas urxentes na administración da xustiza, co obxectivo de ofrecer un servizo más áxil e eficaz aos cidadáns
O director xeral de Xustiza, Juán José Martín, e a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, fixeron balance dos primeiros meses de aplicación deste plan. O director xeral de Xustiza explicou que o obxectivo do Plan é colocar a Galicia á cabeza das comunidades no acceso a unha administración de xustiza “moderna e dinámica”. Nestes seis meses, o Goberno galego dotou con equipamento informático ás novas sedes xudiciais postas en marcha o 30 de decembro, en Ferrol, Lugo, A Coruña, Tui, e Vigo. Asimesmo acometeuse a renovación da dotación informática das vilas anterior ao 2005 que estará rematada en marzo deste ano. Mar Pereira destacou que, antes da aplicación do Plan de Medidas Urxentes, o 20% das liñas de información coas sedes xudiciais presentaban un nivel de ocupación crítica, mentres que, neste momento, só se rexistra nun 1% das liñas. No proceso de informatización dos xulgados de paz executouse a primeira fase, na actualidade os 74 xulgados de paz principais dispoñen de acceso ao sistema. Atópase en execución a segunda fase que supón a informatización dos 196 xulgados de paz dos diferentes concellos durante o primeiro trimestre do 2010. O Plan TIC de Medidas Urxentes continuará ata finais de 2010 con iniciativas como o Plan de adecuación dos sistemas de videoconferencia e gravación de vistas, a actualización do sistema para a Fiscalía, ou a renovación das webs e da intranet da administración de Xustiza. Adxudicouse o Plan de Sistemas da Xustiza Galega, o Plan Senda 2013, do que sairán as liñas de acción para os vindeiros 4 anos. Ten como obxectivo facer efectivo o expediente xudicial electrónico, o achegamento de servizos á cidadanía a través das novas canles telemáticas e garantir a interoperabilidade entre todas as administracións implicadas.
A Xunta de Galicia investiu desde o pasado mes de xullo case 2 millóns de euros no Plan TIC de Medidas Urxentes na administración de xustiza, unha actuación coa que o Goberno galego da os primeiros pasos cara á modernización da xustiza en Galicia, co obxectivo de ofrecer un servizo máis áxil e eficaz aos cidadáns. O director xeral de Xustiza, Juán José Martín Álvarez, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, fixeron esta mañá balance da primeira fase de aplicación do Plan (de xullo a decembro de 2009), seis meses no que se investiron 1.940.450 euros.
O Goberno galego destinou estes case 2 millóns de euros, nun 44,67%, á licitación e adxudicación de servizos de mantemento e continuidade do servizo (866.853 euros); nun 41,17% (798.973,83 euros), a infraestruturas, plataforma ofimática e seguridade; nun 9,03% (175.263,78 euros), á implantación de sistemas de información; e nun 5,12% (99.369 euros), a adxudicación do Plan de Sistemas de Xustiza, a estratexia que definirá as liñas de actuación da Xunta neste eido nos vindeiros 4 anos. O investimento previsto no Plan TIC de Medidas Urxentes ata finais de 2010 é de 2.153.00 euros.
“O obxectivo final do Plan non é outro que contribuír a modernización da xustiza e, polo tanto, a lograr un servizo máis eficaz para os cidadáns, evitando colapsos e colocando a Galicia á cabeza das comunidades no acceso a unha administración de xustiza áxil, moderna e dinámica”, salientou o director xeral de Xustiza, Juán José Martín, na súa comparecencia ante os medios de comunicación.
Adecuación da rede de comunicacións
O Plan de Medidas Urxentes inclúe, entre os seus obxectivos, o avance na consecución dunha rede de comunicacións de Xustiza adecuadamente dimensionada coas sedes xudiciais existentes.
A secretaria de Modernización explicou que, con este fin, se realizou un estudo dos niveis de ocupación das liñas das sedes xudiciais, que se ampliou en 27, e se solicitou noutras 15. Así, antes da aplicación do Plan de Medidas Urxentes, o 20% das liñas de información coas sedes xudiciais presentaban un nivel de ocupación crítica, implicando unha alta degradación do servizo, mentres que un 52% estaban nunha situación óptima. Sen embargo, neste momento, só un 1% das liñas teñen un nivel de ocupación crítica, mentres un 77% das liñas están nunha situación óptima.
Mellora dos centros de proceso de datos
Entre as actuacións postas en marcha dentro do Plan destaca a revisión dos centros de proceso de datos das unidades xudiciais, un servizo que non se atopa centralizado, senón distribuído en 49 sedes, con frecuencia en emprazamentos pouco axeitados para albergar os equipos.
Co obxectivo de superar esta situación, a Xunta integrou o Centro de Proceso de Datos (CPD) central da informática xudicial, que se atopaba en Área Central, en Santiago, con graves problemas de climatización, no CPD central da Xunta. Ao mesmo tempo, e segundo adiantou Mar Pereira, estase a realizar unha auditoría de todos os CPD, e se prepara a dotación para todos os emprazamentos de sistemas de alimentación ininterrumpida, que minimicen os efectos das caídas dos sistemas por problemas eléctricos.
Renovación do parque ofimático e conexión dos xulgados de paz
O Plan TIC de medidas urxentes activou, ademais, un plan de renovación do parque ofimático xudicial para renovar de xeito urxente os equipos máis antigos e establecer criterios para substituílos progresivamente. O obxectivo será a substitución de todos os equipos anteriores a 2005 nas sedes xudiciais das vilas, nunha primeira fase que rematará no mes de marzo. Ademais, nunha segunda fase licitarase o equipamento restante anterior a 2005.
Mar Pereira explicou que, nestes últimos meses, o Goberno galego dotou con equipamento ofimático ás novas sedes xudiciais postas en marcha o 30 de decembro, un total de 50 postos informáticos repartidos entre o Xulgado de Primeira Instancia nº5 de Ferrol, o nº5 de Lugo, o Social nº5 da Coruña, o Mixto nº 3 de Tui e o Mercantil nº3 de Pontevedra, con sede en Vigo, e o Rexistro Civil da Coruña.
No relativo á informatización dos xulgados de paz, a secretaria xeral de Modernización avanzou que 74 dispoñen xa de acceso ao sistema, mentres que o 75% (147) dos xulgados teñen a infraestrutura e a dotación de equipamento finalizada, o 22% (43) están pendentes de actuación, e o 3% restante (6) están en fase de traslado.
Reorganización dos xulgados de Galicia pola nova oficina xudicial
O director xeral de Xustiza, Juán José Martín, explicou, pola súa banda, a reorganización administrativa que conleva a implantación da nova Oficina Xudicial, unha modificación lexislativa pola que se implementarán novas unidades administrativas para diferenciar os distintos roles de traballo dos actuais xulgados e conseguir, así, que os xuíces queden descargados de moitas tarefas administrativas.
Así, Martín avanzou que, nunha primeira fase, crearanse 25 servizos comúns xerais –unha agrupación de servizos xa existentes e que dependen na actualidade do Decanato ou da Presidencia da Audiencia Provincial-, e 19 unidades administrativas, que xestionan os medios materiais e, desde o punto de vista administrativo, ao persoal. Ademais, nunha segunda fase, elaborarase un Plan estratéxico da implantación da nova Oficina Xudicial no que participarán os distintos actores da xustiza en Galicia, e no que se determinará onde e cantos servizos comúns de ordenación de procedemento (os que tramitan os expedientes xudiciais) e cantos servizos comúns de execución (os que executan as sentencias) se necesitan na Comunidade Autónoma.
Continuidade das actuacións e Plan de Sistemas
O Plan TIC de Medidas Urxentes continuará ata finais de 2010 con iniciativas como o plan de adecuación dos sistemas de videoconferencia e gravación de vistas, a actualización do sistema para a fiscalía, ou a renovación das webs e da intranet da administración de Xustiza.
A Xunta de Galicia deseñará nos vindeiros meses o Plan de Sistemas da Xustiza Galega, o Plan Senda 2013, no que se establecerá a estratexia a desenvolver durante os próximos 3 ou 4 anos. Segundo avanzou a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, o Goberno galego estima que 150 profesionais colaborarán na elaboración deste Plan, dos colectivos de xuíces e maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, persoal funcionario, forenses, procuradores, avogados e representación sindical.