A Xunta activa ‘meteosix mobile’, unha aplicación coa que os cidadáns poderán consultar nos seus teléfonos móbiles a predición meteorolóxica para calquera lugar de Galicia
A aplicación permite buscar sobre un mapa e tamén polo seu nome os lugares e entidades xeográficas sobre as que se desexa consultar a predición
Para usuarios máis avanzados e para facilitar o desenvolvemento doutras aplicacións, está dispoñible un servizo web (API) que proporciona a información en diversos formatos de fácil procesamento ou incluso directamente inserible noutras páxinas web
Toda a información sobre a aplicación e o servizo web pode consultarse en http://www.meteogalicia.es/web/proxectos/meteosix.action
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de MeteoGalicia, vén de poñer en marcha unha aplicación para informarse das predicións meteorolóxicas en móbiles con sistema Android. Os usuarios poderán, así, consultar dende o seus dispositivos móbiles predicións para calquera lugar de Galicia á medida das súas necesidades. Neste proxecto, que entrará en funcionamento hoxe, tamén colaboraron o Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
O sistema proporciona dúas vías de acceso á información. Por unha parte, no Android Market está dispoñible de balde a aplicación “MeteoSIX Mobile”, que ofrece aos usuarios a posibilidade de consultar e personalizar a predición para os seus lugares favoritos. A aplicación permite buscar sobre un mapa e tamén polo seu nome os lugares e entidades xeográficas sobre as que se desexa consultar a predición. Para cada lugar poden seleccionarse as variables de predición que máis interesen.
Por outra parte, para usuarios máis avanzados e para facilitar o desenvolvemento doutras aplicacións, está dispoñible un servizo web (API) que proporciona a información en diversos formatos de fácil procesamento ou incluso directamente inserible noutras páxinas web.
Cómpre sinalar que toda a información sobre a aplicación e o servizo web pode consultarse enhttp://www.meteogalicia.es/web/proxectos/meteosix.action.
O proxecto MeteoSIX
MeteoSIX nace en decembro de 2009 coordinado por MeteoGalicia e coa participación do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, o Laboratorio de Sistemas da USC e o CESGA. Está financiado polo Plan Galego de I+D+i INCITE da Xunta de Galicia en colaboración co proxecto Interreg RAIAco, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica.
Os obxectivos do proxecto son dotar a MeteoGalicia dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso aos datos meteorolóxicos e oceanográficos e proporcionar canles de acceso á información axeitadas para o maior número posible de usuarios.