A Xunta achegará este ano a banda larga a 28 concellos do sur de Lugo e a súa contorna e a 49 núcleos do territorio rural galego
A secretaria xeral de Modernización e o conselleiro de Medio Rural asinaron hoxe en Bóveda un convenio para despregar novas redes de telecomunicacións en Galicia.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) investirá 5,7M€ en dúas iniciativas, enmarcadas no Plan de Banda Larga, destinadas a zonas rurais.
Estenderanse redes sen fíos en 22 concellos do sur de Lugo, 5 da Ribeira Sacra ourensá e 1 de Pontevedra nos que se incrementará a cobertura do 37% a máis do 60% no 2010.
Implantaranse redes fixas en 49 núcleos da Comunidade nos que o 80% da poboación carece de cobertura actualmente.
O Goberno galego prioriza o acceso á Rede nas áreas nas que a fenda dixital é máis acusada.
Un total de 28 concellos do sur da provincia de Lugo e a súa contorna e 49 núcleos de poboación do ámbito rural de toda Galicia terán acceso á Internet de calidade a finais de 2010 grazas ao investimento que realizará a Xunta nunha primeira fase de despregamento de redes fixas e sen fíos na Comunidade. Estas actuacións serán posibles grazas ao convenio asinado esta mañá no concello lugués de Bóveda pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, para que Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) invista un total de 5,7 millóns de euros este ano na extensión de novas infraestruturas de telecomunicacións. No acto tamén estiveron presentes os delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Raquel Arias e Rogelio Martínez, respectivamente.
Redes sen fíos
Este convenio, que se enmarca nas actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, contempla dúas actuacións. Por unha banda, despregaranse redes sen fíos en 22 concellos do sur de Lugo, 5 na Ribeira Sacra Ourensá e 1 en Pontevedra que permitirán que máis de 25.000 habitantes deste municipios pasen do 37% da cobertura actual ao 60% a finais do 2010. No remate do 2013 esta porcentaxe verase incrementada ata máis do 86%, completándose a cobertura mediante servizos de acceso vía satélite á banda larga. Na provincia de Ourense a previsión para o 2013 é que o 95% da poboación dispoña de acceso á Internet.
Dos 28 concellos nos que se despregarán redes sen fíos, grazas a colaboración entre Modernización e Agader, 12 pertencen á Ribeira Sacra luguesa (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil); outros 10 están situados no sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); 3 na Ribeira Sacra ourensá (Nogueira de Ramuín, A Peroxa e A Teixeira); 2 en Ourense (San Cristovo de Cea e Vilamarín) e 1 en Pontevedra (Rodeiro).
Redes fixas
A outra acción recollida no acordo subscrito hoxe prevé a implantación de redes fixas en 49 núcleos do territorio rural de toda a Comunidade, nos que a día de hoxe o 80% da poboación (arredor de 21.300 persoas) non ten cobertura de banda larga. Por provincias, despregaranse estas infraestruturas en 19 núcleos da Coruña, 9 de Pontevedra, 13 de Lugo e outros tantos de Ourense. Coa posta en marcha destas medidas o Goberno galego prioriza o despregamento das novas redes de telecomunicacións nas zonas con más dificultades de acceso á rede, cumprindo co compromiso de reducir canto antes a fenda dixital.
Proxectos Municipais
Actualmente, moitos concellos galegos están levando a cabo proxectos de implantación de redes municipais de banda larga para tratar de solventar as necesidades de conexión a Internet dos seus veciños. Neste sentido, a secretaria xeral de Modernización advertiu que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) vén de aprobar o anteproxecto de circular no que se establecen as condicións que deberán cumprir as Administracións públicas cando estas exploten redes ou presten servizos de comunicacións electrónicas. O establecido no anteproxecto de circular, tras a súa aprobación final, pasará a ser de obrigado cumprimento para calquera Administración Pública que explote redes ou preste servizos de comunicacións electrónicas.
Para acceder a máis información sobre esta cuestión Mar Pereira lembroulles aos responsables municipais teñen á súa disposición a Oficina eConcellos, á que tamén poden acudir para calquera aclaración ou consulta sobre as previsións locais do Plan de Banda Larga. Ademais, este servizo está a poñer en marcha unha iniciativa para analizar os proxectos municipais de despregamento de BL co obxectivo de maximizar os resultados dos proxectos locais, e potenciar a coordinación evitando duplicar esforzos e investimentos.
Reverter a situación actual
O despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual da Comunidade na que -segundo recordou a secretaria xeral- un total 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas (16%) e 589 entidades de poboación con algunha entidade administrativa non teñen posibilidade de acceso á banda larga.
O obxectivo do Plan é reverter a desigualdade social que vive a Comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións, e contribuír ao aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial, así como a modernización dos servizos públicos. Será un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados, o que permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.