A Xunta abre unha consulta preliminar ao mercado para aplicar solucións tecnolóxicas novidosas ás inspeccións de campo vinculadas ás axudas da PAC

Luns 26 de Setembro de 2016

A Xunta abre unha consulta preliminar ao mercado para aplicar solucións tecnolóxicas novidosas ás inspeccións de campo vinculadas ás axudas da PAC

As empresas poden presentar propostas atendendo aos requisitos da resolución que se publica hoxe no DOG

O obxectivo final é implantar un sistema de inspección intelixente, baseado no uso de avións non tripulados, a través do procedemento de Compra Pública Innovadora

É unha das iniciativas do Programa Primare para a transformación dixital dos sectores primarios galegos, impulsado pola Amtega e a Consellería do Medio Rural

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Fondo Galego de Garantía Agraria da Consellería de Medio Rural, abre unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para aplicar solucións tecnolóxicas aos controis de campo vinculados ás axudas da Política Agraria Común (PAC). Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, é o primeiro paso para implantar un sistema de inspección intelixente, baseado no uso de avións non tripulados, a través do sistema de Compra Pública Innovadora.

A aplicación da tecnoloxía permitirá axilizar a realización destes controis, mellorará a súa eficiencia, garantirá a súa adecuación á normativa, reducirá a súa complexidade e os custos da súa realización, tendo en conta o volume de inspeccións e as súas dificultades nun parcelario como o galego (onde a media de hectáreas por recinto declarado está en 0.37). Cada ano o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) realiza máis de 100.000 controis sobre o terreo de recintos agrícolas no marco das axudas convocadas anualmente da Política Agrícola Común, que levan un investimento 190 millóns de euros anuais.

Orzamento da actuación

A actuación liderada pola Amtega, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, conta cun orzamento de total de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade, GAIN e a Amtega para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative"

Esta actuación para impulsar un sistema de inspeccións intelixentes avanzadas forma parte medidas do Programa Primare para a transformación dixital dos sectores primarios galegos, un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Compra Pública Innovadora

Este procedemento permite ao sector empresarial presentar propostas de solucións tecnolóxicas, que actualmente non existan no mercado como produtos comerciais, e que dean resposta a problemáticas concretas expostas pola administración. Unha vez terminada a fase de consulta definiranse os proxectos concretos a acometer neste proceso e abrirase o período de licitacións públicas para obter solucións tecnolóxica que resolvan os retos expostos

O procedemento de Compra Pública Innovadora ofrece unha dobre vantaxe, por unha banda resolver unha necesidade formulada pola administración a través de solucións que non existen no mercado e, por outra, fomentar a innovación no sector empresarial tecnolóxico desde o lado da demanda.