A Xunta abre a segunda convocatoria de axudas para contratar internet vía satélite nas zonas máis illadas da Comunidade

Martes 16 de Xullo de 2013

A Xunta abre a segunda convocatoria de axudas para contratar internet vía satélite nas zonas máis illadas da Comunidade

Cun investimento de 359.000 euros facilitará a conexión á rede este ano a case 2.400 fogares e pemes, que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps mediante outra tecnoloxía

Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos

Estas axudas serán xestionadas polos 4 operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology

O investimento total desta iniciativa é de máis de un millón de euros ata 2014 para dotar de acceso a banda ancha a máis de 5.400 fogares e empresas das áreas con máis dificultades de cobertura

A Xunta pon en marcha a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade. O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

As axudas serán tramitadas por 4 operadores de telecomunicación, acreditados pola Xunta como entidades colaboradas nunha convocatoria aberta e publicada o pasado mes de maio.

Esta mañá, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Antonio Crespo, formalizaba a colaboración cos operadores a través da sinatura dun convenio. Esta medida é posible grazas a un acordo asinado o pasado ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de Agader, achegará o importe total das axudas euros no período 2012-2014.

O prazo para que cidadáns e pemes poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionadas.

Beneficiarios e importe das axudas

Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria

A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

As axudas tramitaranse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014). Este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade.

Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.

O Plan reduciu en máis dun 85% os galegos sen cobertura na Comunidade

A cobertura de internet vía satélite é a sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

Desde a súa posta en marcha en 2010, o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a máis de 680.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009. As actuacións desenvolvidas no Plan están a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. Así os despregamentos do Plan reduciron a fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico do 20% existente antes do plan a un 2% en xuño de 2013.