A Xunta abre a segunda convocatoria de axudas para contratar internet vía satélite

Venres 10 de Maio de 2013

A Xunta abre a segunda convocatoria de axudas para contratar internet vía satélite

Estas axudas, publicadas hoxe no DOG, serán xestionadas polos operadores de telecomunicación que sexan acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras e que desde mañá teñen un mes para presentar as súas solicitudes

O prazo para que cidadáns e pemes poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionada

Están dirixidas a familias e empresas das zonas máis illadas da Comunidade que non dispoñan de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía

Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou instalacións das empresas (router wifi, etc)

A Xunta pon en marcha a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite para familias e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura, nas que non é posible acceder á rede a través doutra tecnoloxía. Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a Internet a todos os galegos.

Estas axudas, publicadas hoxe no DOG, serán xestionadas polos operadores de telecomunicación que sexan acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras e que desde mañá teñen un mes para presentar as súas solicitudes.

O prazo para que cidadáns e pemes poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionadas.

Esta medida é posible grazas ao convenio asinado o pasado ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achegará o importe de 1.077.000 millóns de euros no período 2012- 2014.

Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios das axudas serán familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano.

O usuario deberá contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.

O Plan reduciu en máis dun 85% os galegos sen cobertura na Comunidade
A cobertura de internet vía satélite é a sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

Dous anos despois da súa posta en marcha o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a case 670.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009. As actuacións desenvolvidas no Plan están a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2011 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 15% a un 5,5%, e grazas ao plan en 2012 esta porcentaxe diminuíu ata un 3%.