A Xunta, a rede CRUSOE e NTT DATA presentan unha Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital que permitirá a unhas trinta universidades participar nun máster interuniversitario

Venres 10 de Marzo de 2023

A Xunta, a rede CRUSOE e NTT DATA presentan unha Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital que permitirá a unhas trinta universidades participar nun máster interuniversitario

• O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participaron hoxe na constitución da Comisión de seguimento do convenio asinado polas tres institucións
• A investigación preliminar a través dunha consulta de mercado e grupos focais permitiu identificar 35 propostas de consorcios público-privado por un importe agregado próximo aos 58 millóns de euros
• A Xunta ten xa en marcha iniciativas como a Memoria Dixital de Galicia, Galiciana ou Galicia Nomeada para a dixitalización dos recursos do patrimonio cultural


A Xunta de Galicia, a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE) e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron hoxe en Santiago de Compostela a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, tras a constitución da comisión de seguimento do convenio de colaboración asinado por representantes das tres institucións.

No acto participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e secretario xeral de CRUSOE, Antonio López, e o responsable global de Sector Público de NTT DATA, Óscar Abril.

O titular de Cultura da Xunta salientou a importancia da posta en marcha desta cátedra por promover “a investigación de vangarda a través de cuantificación, medida e valoración do patrimonio cultural dixital galego e fomentar a formación en nivel de posgrao”. Destacou, ademais, que a súa vinculación co Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas, situado no Edificio Fontán na Cidade da Cultura “reforzará o seu papel como centro xerador de coñecemento e impulso do patrimonio material e inmaterial”.

Pola súa parte, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou que esta iniciativa súmase a outras actuacións da Xunta neste ámbito como o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Cultura, para dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural; Galiciana, con máis de 5 millóns de obxectos dixitalizados, ou Galicia Nomeada, que difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 500.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá.

Entre os obxectivos inmediatos da Cátedra atópase a creación dun Máster Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital no que participarán cerca de 30 universidades europeas. Esta iniciativa permitirá desenvolver un programa de mobilidade do alumnado entre diferentes estudos e universidades; crear un programa Erasmus Mundus para a cooperación e mobilidade internacional; poñer en marcha un Doutorado Europeo en Patrimonio Cultural Dixital; así como un premio para traballos de fin de mestrado.

Entre as accións en marcha atópase tamén unha iniciativa de colaboración coas rexións alemáns de Saxonia e Turinxia para o apoio de proxectos interrexionais; un acordo de colaboración coa Axencia de Cooperación de México e o Reitorado da UNAM; ou a participación na convocatoria de Ecosistemas Europeos de Innovación do Consello Europeo de Innovación e a Axencia Executiva para a Pequena e Mediana Empresa da Comisión Europea (EISMEA).

 

4 accións preliminares

Ao longo de 2022, o Grupo de traballo de Patrimonio Cultural Dixital de CRUSOE levou a cabo catro accións específicas centradas en Galicia e coordinadas pola Universidade de Santiago de Compostela. O 22 de abril de 2022 celebrouse unha xornada interuniversitaria sobre “Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia e Tecnoloxía, que contou con responsables e investigadores das tres universidades públicas galegas.

Tamén en 2022, convocáronse cinco grupos de traballo e, en colaboración coa consellería de Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levouse a cabo unha consulta previa ao mercado. O resultado foi a identificación na nosa Comunidade de 35 propostas válidas xeradas por diferentes consorcios público-privado por un importe agregado total de 58 millóns de euros.

Por último, desenvolveuse unha acción piloto sobre turismo cultural intelixente e virtual da dirección xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.