A XII edición de Xuventude Galicia Net pecha as súas portas cunha alta participación na programación de ocio e formación

Domingo 17 de Abril de 2011

A XII edición de Xuventude Galicia Net pecha as súas portas cunha alta participación na programación de ocio e formación

Consolídase este ano a aposta da Consellería de Traballo e Benestar de abrir por segunda vez o evento tecnolóxico ao público en xeral, xa que máis de 6.000 persoas disfrutaron da programación alternativa á party

Máis de 1.200 mozos e mozas inscribíronse na Lan Party na que os participantes experimentaron cos seus ordenadores e competiron en xogos e outras actividades

As 40 charlas e obradoiros organizados pola Dirección Xera de Xuventude convertéronse nun referente do mundo da formación e información en novas tecnoloxías

A XII edición de Xuventude Galicia Net pechou hoxe as súas portas cunha alta participación tanto na Lan Party como na programación aberta ao público. As actividades ligadas á formación, que este ano constituíron a gran novidade do maior encontro tecnolóxico da Comunidade autónoma, tamén acadaron un gran éxito.

Máis de 1.200 mozos e mozas inscribíronse ao evento que se celebrou durante toda a fin de semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago, aos que se sumaron as máis de 6.000 persoas que participaron nas actividades de acceso libre, polo que este ano se consolida a aposta da Consellería de Traballo e Benestar de abrir por segunda vez Xuventude Galicia Net ao público en xeral.

A aposta que a Consellería de Traballo e Benestar fixo este ano pola formación tamén tivo unha gran resposta de participación nas 40 charlas e obradoiros que se desenvolveron. Nesta edición calquera persoa tivo a oportunidade de anotarse ás actividades formativas de balde. En anteriores edicións, só podían participar os mozos e mozas inscritos previamente no evento.

Así, as charlas consolidáronse nesta edición coma un referente do mundo da formación e información en novas tecnoloxías ao contar con poñentes de toda España.

Polo tanto, o programa complementario da XGN congregou a centos de persoas nos eventos paralelos á Lan Party, que contou, ademais das charlas formativas, con obradoiros prácticos de diversa tipoloxía, graffiti ou xogos de rol.

Centos de persoas participaron no Paintball, acudiron á proxección da película e a noite do sábado disfrutaron do concerto de hip-hop. Como novidade nesta edición tamén realizáronse cursos de defensa persoal, xogo do pau e esgrima antiga europea.

En definitiva, o departamento autonómico puxo en marcha un programa de actividades ininterrompidas, abertas a todo o mundo, que congregaron no Pazo de Congresos a un público non só atraído polos ordenadores.

Dentro da party, destacaron os campionatos de xogos con pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, houbo lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.