A XI edición de Xuventude Galicia Net pecha as súas portas cunha alta participación na programación aberta ao público
O maior evento informático de Galicia, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pechou esta tarde as súas portas tras a clausura oficial celebrada este mediodía na que se entregaron 50 premios.
A gran novidade este ano da ‘Lan Party’, os obradoiros abertos ás persoas non incritas no evento informático, foi un dos éxitos desta edición.
Nestes trinta obradoiros e charlas participaron máis de mil persoas ás que se sumaron as máis de mil que asistiron á proxección de “Pinocho 3000”.
A Xunta pretende a longo prazo crear unha rede de partys galegas para poñer a Galicia nos primeiros postos a nivel nacional na formación continua nas novas tecnoloxías.
Xuventude Galicia Net, o maior encontro tecnolóxico da Comunidade autónoma, celebrado esta fin de semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago pechou esta tarde as súas portas, unha vez que este mediodía se celebrou a clausura oficial na que se entregaron medio centenar de premios.
Durante esta entrega de premios, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, salientou a alta participación nesta undécima edición, pola que pasaron preto de 5.000 persoas.
Así, Rodeiro lembrou que ademais dos 1.600 mozos e mozas que se instalaron durante case tres días en Santiago, XGN estivo aberta ás más de mil persoas que o sábado asistiron á proxección de “Pinocho 3000”, a nova película de animación de Filmax, así como aos centos de persoas que cada xornada pasaron pola extranet e polos obradoiros e charlas que se desenovolveron entre o venres e o sábado.
Tamén o campo de paintball contou cunha gran acollida polos participantes neste primeiro ano da súa instalación, e organizou ao redor de 600 partidas para que tanto os visitantes como os usuarios da LANparty (Local Area Network Party) puideran xogar.
Os obradoiros, primeira edición na que se abrían ao público xeral, resultaron un éxito. Ao redor de mil persoas asistiron ás trinta charlas e talleres celebradas durante os dous primeiros días do evento.
De feito, e dada a cantidade de xente que acudiu interesada, foi necesaria a repetición dos talleres máis concurridos para que todos os interesados puideran participar neles. Entre os máis demandados destacaron os obradoiros de fotografía dixital, cómic ou o de virtualización.
Como gran novidade con respecto aos campionatos de videoxogos, nesta undécima edición se retransmitiu por primeira vez a final do torneo Counter Strike 1.6 nunha pantalla de 15 metros. Este feito é sinalado, posto que salvo outra LANparty máis en España, a Xuventude Galicia Net é a única que ten realizado isto. Tamén se retransmitiu a gran final da Electronic Sport League (ESL), que se xoga durante todo o ano e, dado que o sábado se celebraba o seu remate a través da Reus Lanparty, desde Xuventude Galicia Net contactouse con eles para retransmitir por internet esta gran final.
Tamén á extranet se achegaron cada día centos de persoas para participar de balde nas distintas actividades que se realizaron no exterior do Pazo de Congresos, nunha carpa cuberta de 600 metros cadrados.
Aquí, nenos e nenas e tamén maiores disfrutaron de partidas de futbolín, toro mecánico, obradoiros de globoflexia, de defensa persoal e de esgrima antiga europea.
Entre todos os asistentes entregaranse papeletas para unha rifa na que se sortearán diferentes premios, como consolas, xogos para consolas e máis dun ordenador portátil, o domingo 28 pola mañá no auditorio do Palacio de Congresos.
Unión de todas as “partys” galegas
Xuventude Galicia Net non é a única party que se celebra en Galicia. De feito, existen outras a nivel rexional como é o caso da ‘Arroutada Party’ da Coruña, a ‘Kutruparty’ da Estrada e a ‘Arousa Party’ de Vilanova.
A intención da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é crear a longo prazo unha rede de partys galegas para xuntar os esforzos e deste xeito poñer a Galicia nos primeiros postos a nivel nacional da formación continua nas novas tecnoloxías.