A xestión centralizada da Amtega está a consolidar un aforro anual de 6 millóns de euros en gasto tecnolóxico
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia aposta por un modelo de xestión integrada das TIC baseada na concentración de compras e en economías de escala
A Amtega está a traballar con máis de 60 provedores distintos do sector tecnolóxico
Máis do 91% do importe adxudicado pola Axencia en 2012 corresponde a contratos baseados en procedementos abertos
O pasado ano, e tras a integración de seis consellerías e 14 entidades públicas, a Axencia xestionou preto de 300 contratos TIC
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, explicou hoxe no Parlamento que a creación deste organismo en 2012 supón un fito histórico para a Administración autonómica que aposta por primeira vez por un modelo de xestión integrada das TIC.
Mar Pereira, que compareceu esta mañá na Comisión 6ª Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, destacou que a xestión centralizada está a dar os primeiros resultados consolidando un aforro anual en gasto tecnolóxico de 6 millóns de euros grazas á centralización de compras con baixas por licitación, á negociación única no pagamento de licenzas cando é imprescindible, ao emprego do software libre cando é a solución máis competitiva, e á integración do gasto en telefonía e comunicación
A directora da Amtega sinalou que no 2013 continuarase esta senda coa concentración dos contratos para a adquisición de mantemento de hardware e software para todas as consellerías cun aforro do 20% nestes custes.
A responsable autonómica explicou que os compromisos e obxectivos da Amtega están recollidos no contrato plurianual de xestión da Axencia, aprobado recentemente no Consello da Xunta e que servirá para medir rigorosamente os resultados dos investimentos en tecnoloxía.
Contratación
Durante o ano pasado, e tras a integración do persoal e os recursos orzamentarios e de persoal de seis consellerías e 14 entidades delas dependentes, a Amtega xestionou preto de 300 contratos TIC, dos cales 59 foron adxudicados nesa anualidade pola Axencia. Mar Pereira afirmou que máis do 91% do importe adxudicado en 2012 corresponde a contratos xestionados en base a procedementos abertos.
A directora da Axencia explicou que os mesmos principios de transparencia e eficiencia os está a cumprir o operador público Retegal, dependente da Amtega, nos seus procesos de contratación. O ano pasado 19 dos contratos adxudicados por Retegal foron adxudicacións en base a procedementos abertos, o que supón máis do 89 % do importe adxudicado a 21 empresas distintas. Os aforros derivados das baixas sobre os importes de licitación superaron os 600.000 euros.
Proxectos de innovación tecnolóxica en réxime de concorrencia competitiva
Mar Pereira fixo fincapé en que a Xunta conta cunha estratexia tecnolóxica definida para a modernización dos servizos públicos e para a integración das TIC na sociedade con iniciativas e proxectos de continuidade que se consolidan no tempo e que están a contribuír a dinamizar o sector tecnolóxico. Neste sentido destacou que, neste proxecto global están a colaborar directamente coa Administración autonómica máis de 60 provedores tecnolóxicos.
Na selección dos proxectos presentados, indicou a directora, se prima a calidade e a metodoloxía dos mesmos e os procedementos para a súa adxudicación cumpren rigorosamente o estipulado na Lei de Contratos do Sector Público.
Novas fórmulas para mellorar servizos e impulsar a innovación
Pero ademais, recalcou que desde a Xunta se están a impulsar novas fórmulas de colaboración público-privada e implantando outras como o sistema público de compra de tecnoloxía innovadora, que xa se está a empregar en áreas como a sanitaria, con iniciativas como Hospital 2050 e Innvosaúde. Dúas liñas de traballo que permitirán tanto o desenvolvemento de produtos e servizos para a mellorar a calidade e sostibilidade do sistema sanitario como para impulsar a visibilidade fóra de Galicia das empresas que participan e as posibilidades de exportar estes produtos fóra da Comunidade.