A Unidade Muller e Ciencia desenvolverá un plan para eliminar o sesgo de xénero nas expectativas académicas
A secretaria xeral da Igualdade presidiu esta mañá a sesión plenaria da Unidade Muller e Ciencia, que propuxo o seu plan de acción para este ano
Van publicarse dous estudos sobre a elección profesional das mulleres na universidade e a situación da muller tecnóloga en Galicia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá a reunión do pleno da Unidade Muller e Ciencia, na que se decidiron as accións a por en marcha en 2012. Entre outras iniciativas acordadas hoxe, Igualdade vai desenvolver este ano un plan orientado a eliminar o sesgo de xénero na elección académica e profesional das xeracións máis novas, con accións dirixidas á comunidade educativa, tanto ás alumnas e alumnos como ás personas profesionais dos departamentos de orientación.
Por unha banda, Igualdade ofrecerá obradoiros de sensibilización para adolescentes entre 14 e 16 anos, antes de iniciar os estudos de bacharelato, con contidos orientados a evitar que inflúa a discriminación por razón de xénero nas súas expectativas académicas e profesionais. Por outra, ofreceranse cursos de formación online de similares contidos para profesionais dos departamentos de orientación dos centros educativos.
Complementariamente, a Unidade Muller e Ciencia vai abordar este ano dous estudos, sobre as mulleres na universidade e a situación da muller tecnológa . O primeiro, realizado pola Secretaría Xeral de Universidades, e xa en fase de elaboración, leva por título As mulleres na universidade: eleccións profesionais, e o segundo será un estudo sobre a situación da incorporación da muller tecnóloga ao mercado laboral en Galicia, que realizará a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Ambas as dúas publicacións formarán parte da colección Muller e Ciencia que xa ten editados ata o de agora catro volumes.
Visibilizar a muller científica
Na sesión plenaria desta mañá instouse ás partes integrantes a presentar as candidaturas para o Premio María Josefa Wonenburger 2012, acordando a súa entrega para o mes de setembro. Este premio foi instaurado pola Unidade Muller e Ciencia para visibilizar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e a tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.
A Unidade Muller e Ciencia creouse en 2007 coa finalidade de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia, mediante actuacións encamiñadas a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, nas áreas da investigación, da innovación e na xestión da I+D+i e a situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica.
A presidencia do pleno da Unidade Muller e Ciencia recae na secretaria xeral da Igualdade e as tres vicepresidencias no secretario xeral de Universidades, na secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e no director xeral de I+D+i, completándose a representación con mulleres expertas procedentes do ámbito universitario.