A ubicación do centro de proceso de datos integral da Xunta na Cidade da Cultura permitirá aforrar 3 millóns de euros anuais en facturas eléctricas, infraestructuras, TIC e alugueres

Xoves 22 de Xullo de 2010

A ubicación do centro de proceso de datos integral da Xunta na Cidade da Cultura permitirá aforrar 3 millóns de euros anuais en facturas eléctricas, infraestructuras, TIC e alugueres

A Administración galega dispón actualmente de máis de 80 CPDs, dos que arredor do 90% non ten capacidade para abordar a crecente demanda de proxectos tecnolóxicos necesarios para mellorar a eficiencia

O novo centro asenta as bases para a modernización da Administración pública homoxeneizando a estratexia tecnolóxica e avanzando cara unha atención ao cidadán 24 horas ao día os 365 días do ano

Unha vez integrados todos os servizos acadarase un aforro anual de 500.000 euros na factura eléctrica, de 2 millóns de euros en infraestruturas tecnolóxicas e de 500.000 euros en alugueres

En liña cos obxectivos de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a Administración galega a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, creará un Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) que integrará as funcións dos máis de 80 CPDs existentes agora na Comunidade. Así se recolle nun informe presentado hoxe no Consello da Xunta que indica que o 90% destes centros carece de capacidade de crecemento para afrontar a demanda de proxectos TIC precisos para mellorar a eficiencia da Administración galega. 

O novo Centro de Proceso de Datos Integral constituirá o corazón dixital de Galicia contribuíndo a mellorar a competitividade, reducir custes, acadar unha mellor eficiencia enerxética, unha maior flexibilidade, interoperabilidade e seguridade así como unha simplificación da xestión e unha homoxeneización da estratexia tecnolóxica da Xunta. Ademais, a consolidación dun CPDI único de infraestrutura TIC fará posible unha administración que funcione 24 horas ao día os 365 días do ano. 

Aforro
Unha vez integrados todos os servizos no novo CPDI, en torno ao segundo semestre do 2011, acadarase un aforro de 500.000 euros na factura eléctrica grazas á redución dun 50% do custo enerxético por metro cadrado coa nova plataforma tecnolóxica e dun 27% do gasto anual da factura dos CPD actuais.
 
Tamén se producirá un aforro de 2 millóns de euros anuais no custe de infraestruturas tecnolóxicas grazas á redución dun 30% das necesidades de investimento en hardware e dun 30% no mantemento do mesmo. Por outra banda, a reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro de 500.000 euros. En total, a Xunta reducirá en 3 millóns de euros cada ano o gasto nos conceptos citados.
 
Servizo a cidadáns e entidades públicas
O Centro de Proceso de Datos Integral dará servizo a preto de 2,8 millóns de cidadáns; máis de 1.260 centros administrativos; 1.400 centros educativos; 600 centros sanitarios; 322 entidades xudiciais e 1.500 oficinas de farmacia así como a 91.000 empregados públicos, entidades e organismos autónomos dependentes da Xunta e incluso a outras entidades públicas como deputacións, concellos ou universidades.
 
Instalacións
Ubicado no edificio de Servizos Centrais, o novo CPDI ocupará unha superficie de 1.095 metros cadrados divididos en dúas plantas no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Na primeira habilitaranse as áreas de operadores, reparación e montaxe, Backups, comunicacións, operadores e a zona visitable. Na planta baixa estarán a área de acceso, de proceso de datos e a área técnica. Está previsto rematar o acondicionamento da nova plataforma tecnolóxica no verán do vindeiro ano e completar a integración dos centros de datos no CPDI no 2º semestre do 2011.
 
O traslado da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ás instalacións da Cidade da Cultura realizarase no primeiro semestre do 2011 e ocupará un espazo de 860 metros cadrados no Edificio de servizos centrais e 1.277 metros cadrados no Edificio do Arquivo. Grazas a esta reorganización liberase un espazo total de 1.310 metros cadrados.
 
Axenda Dixital de Galicia
A posta en marcha do CPDI intégrase en dúas das liñas contempladas en 2014.gal Axenda Dixital de Galicia que son a prestación de novos e mellores servizos públicos dixitais e a consecución dunha Administración eficiente. A Xunta de Galicia carecía dunha estratexia global en materia de xestión das tecnoloxías da información e a comunicación que impediu unha aplicación efectiva das TIC para a modernización das administracións públicas.
 
As Tecnoloxías da Información e a Comunicación son un poderoso instrumento para o desenvolvemento económico, o incremento da produtividade e a xeración de emprego na nosa sociedade. Estas tecnoloxías están a configurar un novo modelo social e cultural, a cultura do século XXI, son unha peza clave que axudarán a converter a economía actual nunha economía intelixente, sustentable e integradora, cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial. A Axenda Dixital de Galicia 2014.gal é a resposta ao reto do crecemento intelixente, baseado no coñecemento e na innovación.