A Secretaría Xeral para o Deporte organiza unha xornada de formación para as federacións deportivas

Luns 10 de Abril de 2017

A Secretaría Xeral para o Deporte organiza unha xornada de formación para as federacións deportivas

A Secretaría Xeral para o Deporte organiza unha xornada de formación para as federacións deportivas galegas co ánimo de axudar na transición cara a modernización e a simplificación administrativa

A Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e coa Escola Galega da Administración Pública (EGAP), levou a cabo, na mañá de hoxe, unha xornada de formación destinada ás 59 federacións deportivas galegas.

Debido á entrada en vigor da Lei 39/2015, de 01 de outubro, de Procedemento Administrativo Común da Administración Pública -onde se inclúen novidades ao respecto do uso de medios electrónicos na tramitación de procedementos administrativos-, as federacións deportivas estarían obrigadas ao uso da vía telemática, na relación coa Administración. Na aula 4, de informática, da EGAP, levouse a cabo unha formación nas plataformas: NOTIFICA e Sede Electrónica -ferramentas postas en funcionamento pola Xunta de Galicia-, co ánimo de axudar, ás ditas federacións, nesta transición cara a modernización e a simplificación administrativa.

Con esta actuación bota a andar a Rede Deporte Galego, que o vindeiro día 19 sumará outra nova actividade, a través do Foro do Deporte Federado “Optimizando Sinerxías”, un espazo onde compartir posturas e reflexións, e onde discutir a situación actual do deporte galego desde a perspectiva do deporte federado, así como as propostas presentadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, co fin de aproximar obxectivos dun xeito harmónico e responsable.

Rede Deporte Galego

Coa posta en marcha da Rede Deporte Galego dáse cumprimento a unha das promesas contidas no programa electoral de 2016 no que se propuña esta plataforma. A Rede incluirá foros, xornadas de formación, axendas de traballo e reunións que, de forma periódica e por sectores, posibilitarán encontros para a posta en común de coñecemento e experiencias, garantindo un tecido cooperativo forte e competitivo. Nestes foros abarcarase desde os sectores tradicionais do deporte (axentes ou eventos deportivos, entre outros) pasando por outros máis novos como o da investigación, desenvolvemento e innovación, ou o do turismo.

Deste xeito, a Rede Deporte Galego garantirá unha auténtica Administración pública cooperativa para o deporte galego, ao servizo das súas necesidades; actuará como canle de comunicación entre os distintos sectores do noso deporte; e estará ao servizo dos restantes obxectivos xerais da lexislatura.