A Secretaría Xeral de Modernización subvencionou este ano 300 proxectos do ámbito tecnolóxico con 7,6 millóns de euros

Luns 01 de Novembro de 2010

A Secretaría Xeral de Modernización subvencionou este ano 300 proxectos do ámbito tecnolóxico con 7,6 millóns de euros

As axudas destináronse ao fomento da empresa dixital, ás subvencións específicas ao sector TIC, ao apoio de accións de difusión da sociedade da información e a promover a publicación de contidos dixitais

Grazas a este financiamento poranse en marcha novas solucións tecnolóxicas en ámbitos tan dispares como o sanitario, o educativo, o social, o da administración electrónica, ou a loxística do comercio e a industria

O sector TIC galego desenvolverá preto de 300 proxectos grazas ao investimento de 7,6 millóns de euros do Programa de Axudas ao sector TIC 2010 da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

O Programa recollía catro liñas de actuación, as destinadas ao fomento da empresa dixital e a empresas do sector TIC e que concentraron a maior dotación económica con preto de 6 millóns de euros e as axudas para o fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro para a promoción da sociedade da información, que se adxudicaron cun importe total de 1,8 millón de euros.

Fomento da empresa dixital
O departamento que dirixe Mar Pereira, destinou este ano 3.245.562 € a subvencionar 94 proxectos para fomentar a empresa dixital. As iniciativas que se presentaron a esta convocatoria de axuda debían abordarse desde a cooperación entre empresas privadas ou asociacións empresariais de calquera sector económico e unha empresa do ámbito tecnolóxico que desenvolvera a solución TIC demandada pola empresa.

Esta liña de axudas permitirá o desenvolvemento de 94 iniciativas que achegarán diferentes solucións tecnolóxicas en ámbitos tan dispares como o sanitario, o educativo, o social, o da administración electrónica, ou a loxística do comercio e a industria.

Axuda específica para o sector TIC
Para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, a Secretaría Xeral subvencionou con 2.525.000€ un total de 76 iniciativas de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no sector das tecnoloxías da información e da comunicación. Esta convocatoria contemplaba dúas liñas de axudas, por unha banda a das capacidades TIC, para que as empresas poidan ofrecer mellores produtos e servizos apoiando a certificación das empresas en normas de calidade e axudando á asistencia do persoal propio da empresa a cursos formativos.

A outra actuación estaba destinada a subvencionar novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas como os avances na TDT, achegas en eficiencia enerxética, fogar dixital ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte; e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns e proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC, orientados aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc).

Actividades de difusión da sociedade da información
Outra das liñas contemplada no Programa de Axudas era a destinada a actuacións de promoción e difusión da sociedade da información. A Secretaría Xeral resolveu financiar con 970.727 un total de 89 proxectos repartidos en catro liñas de acción.

Por unha banda as xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados para promover o coñecemento de temas relacionados coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e a sociedade de información. En segundo lugar, as actuacións de difusión dirixidas á cidadanía en xeral. En terceiro lugar están as accións orientadas ás pemes coa finalidade de proporcionar a empresarios e traballadores coñecementos sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías. A cuarta liña está destinada a subvencionar os investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Subvención de Contidos dixitais
Para subvencionar a produción e publicación de contidos dixitais, Modernización destinou un orzamento de 879.185 euros para 39 iniciativas que, entre outro requisitos, teñen que ter na súa proposta acadar un impacto significativo que responda ás necesidades reais dun determinado sector de usuarios ou actividade especificando o colectivo ao que vai dirixido e as vantaxes e melloras que achegan.