A Secretaría Xeral de Modernización subvenciona con preto de 6 millóns de euros 170 proxectos do sector empresarial TIC
O departamento autonómico achega 2.525.000€ para 76 iniciativas de entidades empresariais que realizan a súa actividade especificamente no ámbito das novas tecnoloxías
Subvenciona con case 3.300.000€ un total de 94 proxectos desenvolvidos por empresas ou asociacións empresariais de calquera sector económico en cooperación con outras do sector tecnolóxico
As axudas permitirán á posta en marcha de solucións tecnolóxicas en ámbitos tan dispares como o sanitario, o educativo, o social, o da administración electrónica, ou a loxística do comercio e a industria
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aprobou a concesión de preto de 6 millóns de euros para subvencionar iniciativas que se desenvolverán no ámbito empresarial da sociedade da información.
O orzamento do departamento autonómico para as axudas ao sector TIC ascendía este ano ao 10 millóns de euros repartidos en catro liñas de actuación, as dúas aprobadas xa -destinadas ao fomento da empresa dixital e a empresas do sector TIC, que concentran a maior dotación económica- e as axudas para o fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro, que se adxudicarán proximamente.
Fomento da empresa dixital
O departamento que dirixe Mar Pereira, destina este ano 3.245.562 € a subvencionar 94 proxectos para fomentar a empresa dixital. As iniciativas que se presentaban a esta convocatoria de axuda debían abordarse desde a cooperación entre empresas privadas ou asociacións empresariais de calquera sector económico e unha empresa do ámbito tecnolóxico que desenvolvera a solución TIC demandada pola empresa.
Por unha banda, destínanse preto de 1.500.000 euros para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Estas empresas actuarán como líderes
Por outra banda, subvenciónanse con máis de 1.750.000 euros ás empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente sector TIC que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que as empresas privadas ou asociacións empresariais detectaran como necesarias para mellorar a súa actividade.
Deste xeito, unha vez analizadas as solicitudes presentadas en réxime de concorrencia competitiva, a Xunta subvenciona 94 iniciativas que achegarán diferentes solucións tecnolóxicas en ámbitos tan dispares como o sanitario, o educativo, o social, o da administración electrónica, ou a loxística do comercio e a industria.
Axuda específica para o sector TIC
Para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, a Secretaría Xeral subvenciona con 2.525.000€ un total de 76 iniciativas de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no sector das tecnoloxías da información e da comunicación. Esta convocatoria contempla dúas liñas de axudas, a das capacidades TIC, para que as empresas poidan ofrecer mellores produtos e servizos apoiando a certificación das empresas en normas de calidade e axudando á asistencia do persoal propio da empresa a cursos formativos. A Secretaría Xeral destina a este fin un total de 508.608 euros.
A outra actuación subvencionable é a dos desenvolvementos TIC novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas como os avances na TDT, achegas en eficiencia enerxética, fogar dixital ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte; e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns e proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC, orientados aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.). As axudas para produtos centrados en áreas tecnolóxicas ascenden a 1.485.000 euros e as destinadas ás solucións TIC para o cidadán suman un total de 530.000 euros.