A Secretaría Xeral de Modernización reuniuse hoxe cos axentes implicados no sector tecnolóxico para definir as políticas de innovación no ámbito TIC

Venres 28 de Maio de 2010

A Secretaría Xeral de Modernización reuniuse hoxe cos axentes implicados no sector tecnolóxico para definir as políticas de innovación no ámbito TIC

Os tres obxectivos que o Goberno galego sinala como principais nesta materia son incrementar a competitividade do sector TIC galego así como doutros sectores económicos con presenza en Galicia e mellorar a calidade e a eficiencia na prestación de servizos públicos da Xunta mediante proxectos innovadores que empreguen as TIC.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, reuniuse hoxe cos axentes implicados no sector das novas tecnoloxías de Galicia para definir as políticas de fomento da innovación TIC. Estas actuacións constitúen un dos apartados do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que o departamento autonómico presentará no mes de xuño.

Desde a Secretaría Xeral elaborouse un documento coas propostas da Xunta nesta materia para o que se contou coa colaboración tanto das tres universidades galegas, como das asociacións do sector, o Clúster TIC, os colexios profesionais e as institucións relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación. Tomando como referencia este diagnóstico, que os propios implicados lles trasladaron aos representantes do departamento autonómico en diferentes reunións, elaborouse un borrador coas posibles liñas de actuación da Administración para fomentar a innovación das tecnoloxías da información e a comunicación.

Obxectivos e liñas estratéxicas

Os tres obxectivos que o Goberno galego sinala como principais nesta materia son incrementar a competitividade do sector TIC galego así como doutros sectores económicos con presenza en Galicia e mellorar a calidade e a eficiencia na prestación de servizos públicos da Xunta mediante proxectos innovadores que empreguen as TIC.

Para conseguir estes obxectivos a Xunta planteoulles aos axentes implicados unha política de fomento da innovación TIC que se articula en torno a 5 liñas de actuación apostando pola colaboración público-privada, pola xestión da innovación no ámbito público, por crear novos modelos de negocio dende as necesidades da Administración, polo apoio financeiro e por fomentar o asesoramento especializado para os proxectos tecnolóxicos.

Ademais, a Administración autonómica contempla un plan integral de impulso á competitividade do sector TIC, partindo do emprendemento e o fomento da creación de empresas de base tecnolóxica, ata o aliñamento de todos os axentes do ecosistema TIC. As liñas do plan están encamiñadas á construción dun sistema integral e eficiente de apoio ao emprendedor; a impulsar a creación de profesionais TIC altamente capacitados; a fomentar a xeración de coñecemento tecnolóxico para os sectores estratéxicos; á construción dun sector TIC integrado; á creación de infraestruturas para o impulso e desenvolvemento do sector TIC, consolidando as estruturas de apoio á innovación do sector para convertilo en motor dos sectores estratéxicos de Galicia.