A Secretaría Xeral de Modernización pon en marcha un rexistro de demandantes para consultar a situación de cobertura do Plan de Banda Larga

Luns 10 de Xaneiro de 2011

A Secretaría Xeral de Modernización pon en marcha un rexistro de demandantes para consultar a situación de cobertura do Plan de Banda Larga

O obxectivo de ReDe é manter informados aos cidadáns dos avances do Plan no seu núcleo de poboación a través dunha ferramenta visual e accesible para calquera perfil

Pódese acceder a través da páxina da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica http://imit.xunta.es

Os datos de ReDe iranse actualizando a medida que avance o despregamento das actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013

Os usuarios sen cobertura poderán cubrir un formulario cos seus datos que permitirá realizar un seguimento do plan e contribuirá á planificación das actuacións previstas

Desde hoxe os galegos poden consultar o estado de cobertura de Internet que lles está a proporcionar o Plan de Banda Larga no seu núcleo de poboación a través do Rexistro de Demandantes ReDe. Esta aplicación informática está xa dispoñible na páxina da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica http://imit.xunta.es.

ReDe é unha ferramenta de consulta sinxela e de fácil manexo que proporciona información sobre a cobertura de banda larga acadada coas actuacións do Plan Banda Larga 2010-2013 que está a desenvolver a Xunta de Galicia. O obxectivo de ReDe é manter informados aos cidadáns dos avances do Plan a través dunha ferramenta visual e accesible para calquera perfil.

O usuario interesado en coñecer os avances do Plan na súa zona a través de ReDe só precisa un ordenador con conexión a Internet e un navegador web. Na dirección http://imit.xunta.es atopará un enlace para acceder a Rede e xa na páxina principal o usuario pode elixir a súa provincia, concello, parroquia e núcleo.

Unha vez seleccionado o núcleo o usuario visualizará un mapa no que se indica a situación actual de cobertura na zona que está a proporcionar o Plan de Banda Larga e cal dos operadores é o responsable do despregamento. No caso de que as actuacións do Plan, que se prolongarán ata 2013, no chegaran á zona se informa de cando se porán en marcha. Os usuarios sen cobertura poderán cubrir un formulario cos seus datos que permitirá realizar un seguimento do plan e contribuirá á planificación das actuacións previstas no plan.

Actualización de datos

Actualmente, hai postas en marcha a maioría das accións previstas no Plan que permitiron facilitar o acceso á Internet a preto de 250.000 galegos que carecían de cobertura reducindo nun tezo a poboación da Comunidade que non dispoñía de acceso á Rede.

Estas actuacións continuarán ata o 2013 ata chegar ao 100% da poboación. Por iso, a información de ReDe irase actualizando a medida que avance o despregamento das actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013.