A Secretaría Xeral de Modernización participa na Conferencia Internacional de Software Libre que organizan o CENATIC e as xuntas de Andalucía e Extremadura

Venres 13 de Xaneiro de 2012

A Secretaría Xeral de Modernización participa na Conferencia Internacional de Software Libre que organizan o CENATIC e as xuntas de Andalucía e Extremadura

O subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións explicou as liñas estratéxicas do Plan Floss que puxo en marcha en 2010 o Goberno galego

A Xunta aposta por solucións de software libre en iniciativas de calado como o desenvolvemento da eAdministración ou o proxecto Abalar

O software libre está presente tamén na formación tecnolóxica aos cidadáns a través da Rede CeMIT da Xunta e nas accións dirixidas ao sector empresarial a través do Centro Demostrador TIC

A Administración autonómica forma parte desde marzo de 2011 do Centro Nacional de Referencia de Fomento do Software Libre

O subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións da Secretaría Xeral de Modernización, Adrián Lence, participou hoxe na Conferencia Internacional de Software Libre que organizan a Juntas de Andalucía e Extremadura e máis o CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación baseadas en fontes abertas).

Na súa intervención, Lence destacou as liñas estratéxicas do Plan de Software Libre que a Xunta puxo en marcha en 2010 e continuou en 2011 co obxectivo prioritario de impulsar o uso do software libre e de fontes abertas (Floss) no sector empresarial e na sociedade en xeral. Con esta finalidade o Plan estableceu e permitiu a execución preto de 120 actuacións en colaboración coas asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre, así como coas tres universidades galegas.

Ademais das liñas de acción establecidas no Plan, a Xunta continúa tomando decisións estratéxicas para desenvolver proxectos de calado baseados en software libre. Bos exemplos son iniciativas tan importantes como o desenvolvemento da Administración electrónica ou a integración das TIC na Educación a través do proxecto Abalar.

Software de fontes abertas na Administración 
No ámbito da Administración unha das accións previstas para acadar unha verdadeira administración electrónica é a configuración do Rexistro Único da Xunta que integrará os rexistros presenciais e electrónicos nun rexistro común. Este servizo, clave para promover a relación telemática entre os cidadáns e a Administración, realizarase con tecnoloxía baseada en software de fontes abertas.

No ámbito educativo continúase a formación a profesores no marco do programa Abalar, un proxecto que está a converter as aulas tradicionais en dixitais empregado o software libre nos ordenadores que se están a distribuír entre profesores e alumnos. No curso 2011/2012 máis de 31.000 alumnos están a acceder a aulas dixitais con Netbooks equipados con software libre.

Ademais a Oficina de Coordinación Floss puxo en marcha un servizo de asesoramento sobre ferramentas de software libre para as necesidades TIC dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

Outras directrices sobre as que se está a facer fincapé é que os novos desenvolvementos tecnolóxicos deberán estar baseados no uso de estándares abertos e empregando compoñentes FLOSS na medida do posible.

Software libre na empresa
Para impulsar o uso do software libre no ámbito empresarial o Plan 2011 está a desenvolver varias actuacións. Así publicouse en marzo o Catálogo de produtos e servizos de software libre para empresas. É un documento elaborado no 2010 pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) para facilitar o acceso das empresas a aquelas solucións tecnolóxicas do seu interese baseadas en software libre.

Desde xullo do pasado ano a Xunta conta co Centro Demostrador TIC para pemes, que pon a disposición das pequenas e medianas empresas unha carteira de servizos con solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.

Difusión Software libre entre a cidadanía
Un dos aspectos clave para o éxito das tecnoloxías FLOSS, en particular na vida diaria, é a formación para comprender os beneficios do seu uso. Con este obxectivo estase a fomentar a celebración de xornadas de difusión, formación e a tradución de aplicativos de software libre ao galego en colaboración cos axentes do sector. En canto aos empregados públicos, están a recibir formación específica a través da Escola Galega de Administración Pública.

O software libre está presente tamén na formación tecnolóxica que a Xunta ofrece aos cidadáns a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, (CeMIT) onde todos os equipos teñen instalado o sistema operativo Ubuntu. A rede conta actualmente con 98 aulas presentes en 92 concellos e cun plan de formación que en 2011 chegou a máis de 12.000 persoas.

Colaboración cos axentes implicados
Coordinar as accións de promoción e difusión do FLOSS entre os axentes implicados é outro dos aspectos clave do Plan de Software Libre. Deste xeito en 2011 renováronse os convenios asinados coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), para levar a cabo un proxecto mediante o que AGASOL formou a empresas TIC para a implantación do software Navalplan e realizou unha implantación nun estaleiro e en dúas empresas auxiliares. Tamén se asinaron convenios coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL) para facilitar o labor voluntario que estas asociacións veñen desempeñando.

Galicia no Padroado de Cenatic
Por outra banda, o pasado mes de marzo formalizouse a adhesión de Xunta ao Cenatic. Coa integración da Xunta en CENATIC, o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal.

Pertencer ao padroado de Cenatic está a axudar a impulsar o sector empresarial TIC autonómico xa que facilita a difusión nacional e internacional das propostas e ofertas das empresas galegas e a procura de sinerxías e socios con empresas doutras autonomías.