A Secretaría Xeral de Modernización mostra nas xornadas TECNIMAP as últimas aplicacións para impulsar a eAdministración

Mércores 07 de Abril de 2010

A Secretaría Xeral de Modernización mostra nas xornadas TECNIMAP as últimas aplicacións para impulsar a eAdministración

A Xunta participa desde hoxe en Zaragoza na XI edición deste evento sobre Tecnoloxías da Información para a modernización das Administracións Públicas. TECNIMAP é o principal encontro europeo que reúne a representantes do ámbito das telecomunicacións no sector dos servizos públicos.

O portasinaturas dixital entre as novidades que achegará a Administración galega a este encontro.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica participa, desde hoxe e ata o venres 9 de abril, en Zaragoza na décimo primeira edición das Xornadas sobre Tecnoloxías da Información para a Modernización das Administracións Públicas (TECNIMAP 2010) nas que, durante tres días, exporá as últimas aplicacións e medidas desenvolvidas por este departamento tanto no ámbito da eAdministración como no impulso da sociedade da información.

Os asistentes a esta nova edición de TECNIMAP poderán comprobar como funciona o portasinturas dixital, unha das novidades do proceso de implantación da administración electrónica, que substituirá ás tradicionais carpetas para as firmas dos diferentes responsables da Adminstración autonómica, (desde conselleiros a xefes de servizo) permitindo asinar de xeito electrónico un conxunto de documentos. Esta aplicación dispón dun código de verificación dixital que permitirá comprobar que o procedemento é oficial. Esta aplicación mostrarase en TECNIMAP mediante un vídeo demostrativo.

Ademais, a Secretaría Xeral de Modernización presentará no stand das xornadas a nova intranet da Administración autonómica para o sector TIC. O portal Xunta TIC é un espazo web de participación e contacto para todas as empresas tecnolóxicas que traballan para Xunta e o propio personal TIC da Administración. Outra das últimas aplicacións, xa posta en marcha, é o Xestor de Comisións e Consellos, que informatiza a documentación que os conselleiros e os secretarios xerais achegan á xuntanza semanal do Goberno galego. Grazas a este sistema os responsables de cada departamento autonómico incorporan a un programa os asuntos e documentos adxuntos que logo poden ver a través das pantallas táctiles instaladas na sala de Consello. O stand terá a disposición dos visitantes varias destas pantallas para que comproben como funciona esta aplicación, que supón un avance máis na política cero papel.

Os participantes en TECNIMAP tamén poderán coñecer Plataforma “sede electrónica” que abrangue a infraestrutura software e hardware para dar soporte á presentación telemática e presencial de procedementos administrativos por parte do cidadán e a súa tramitación interna por parte do persoal funcionario.

As persoas que visiten o stand da Xunta terán ocasión de coñecer os principais eixes de actuación da Secretaría Xeral de Modernización en materia de eGoberno, telecomunicacións e desenvolvemento da sociedade da información como o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 para posibilitar o acceso a Internet de toda a sociedade galega. Ademais, poderán navegar pola páxina deste departamento na que se recollen as iniciativas de innovación e modernización, http://imit.xunta.es; a web do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, www.osimga.org; a propia web da Xunta, www.xunta.es, que está en proceso de renovación, así como a do Xacobeo,www.xacobeo.es.

Un espazo para intercambiar ideas
TECNIMAP é o principal encontro europeo que reúne a representantes do ámbito das tecnoloxías da información e as telecomunicacións das distintas administracións públicas, empresas do sector e a diversos expertos relacionados con este campo. O evento, que comezou a celebrarse en 1989, é un espazo de intercambio de experiencias, ideas e proxectos en materia TIC e servizos públicos.

TECNIMAP 2010 chega a Zaragoza organizada de xeito conxunto polo Ministerio de Presidencia, o Goberno de Aragón e o Concello da capital aragonesa. Prevese a asistencia de 8.000 persoas procedentes de toda España e dalgúns países membros da Unión Europea e participación de preto de 300 empresas. Durante os tres días das xornadas celebraranse diferentes mesas redondas e talleres que completarán a actividade que se desenvolve na gran área expositiva, na que haberá demostracións prácticas dos servizos e sistemas punteiros no terreo das novas tecnoloxías e a administración electrónica.