A Secretaría Xeral de Modernización levará as xornadas TECNIMAP as últimas aplicacións en administración electrónica

Venres 02 de Abril de 2010

A Secretaría Xeral de Modernización levará as xornadas TECNIMAP as últimas aplicacións en administración electrónica

O portal Xunta TIC, o sistema de xestión de comisións e consellos ou o portasinaturas dixital entre as novidades que amosará a Administración galega neste encontro. TECNIMAP, que este ano se celebra en Zaragoza, é un espazo de intercambio de experiencias e proxectos en materia TIC e de servizos públicos.

A Xunta participa na décimo primeira edición deste evento sobre Tecnoloxías da Información para a Modernización das Administracións Públicas.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica participa desde o vindeiro 7 de abril na décimo primeira edición das Xornadas sobre Tecnoloxías da Información para a Modernización das Administracións Públicas (TECNIMAP 2010) nas que, durante tres días, exporá as últimas aplicacións e medidas desenvolvidas por este departamento tanto no ámbito da eAdministración como no impulso da sociedade da información.

Os asistentes a esta nova edición de TECNIMAP, que se celebra en Zaragoza, poderán acceder no stand da Xunta de Galicia á nova intranet da Administración autonómica para o sector TIC. O portal Xunta TIC é un espazo web de participación e contacto para todas as empresas tecnolóxicas que traballan para Xunta e o propio personal TIC da Administración. Outra das últimas aplicacións, xa posta en marcha, é o Xestor de Comisións e Consellos, que informatiza a documentación que os conselleiros e os secretarios xerais achegan á xuntanza semanal do Goberno galego. Grazas a este sistema os responsables de cada departamento autonómico incorporan a un programa os asuntos e documentos adxuntos que logo poden ver a través das pantallas táctiles instaladas na sala de Consello. O stand terá a disposición dos visitantes varias destas pantallas para que comproben como funciona esta aplicación, que supón un avance máis na política cero papel.

O portasinaturas dixital é outra novidade do proceso de implantación da administración electrónica, que substituirá ás tradicionais carpetas para as firmas dos diferentes responsables da Adminstración autonómica, (desde conselleiros a xefes de servizo) permitindo asinar de xeito electrónico un conxunto de documentos. Esta aplicación dispón dun código de verificación dixital que permitirá comprobar que o procedemento é oficial. Esta aplicación mostrarase en TECNIMAP mediante un vídeo demostrativo.

Os participantes nas xornadas tamén poderán coñecer Plataforma “sede electrónica” que abrangue a infraestrutura software e hardware para dar soporte á presentación telemática e presencial de procedementos administrativos por parte do cidadán e a súa tramitación interna por parte do persoal funcionario.

As persoas que visiten o stand da Xunta terán ocasión de coñecer os principais eixes de actuación da Secretaría Xeral de Modernización en materia de eGoberno, telecomunicacións e desenvolvemento da sociedade da información como o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 para posibilitar o acceso a Internet de toda a sociedade galega. Ademais, poderán navegar pola páxina deste departamento na que se recollen as iniciativas de innovación e modernización, http://imit.xunta.es; a web do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, www.osimga.org; a propia web da Xunta, www.xunta.es, que está en proceso de renovación, así como a do Xacobeo,www.xacobeo.es.

Un espazo para intercambiar ideas
TECNIMAP é o principal encontro europeo que reúne a representantes do ámbito das tecnoloxías da información e as telecomunicacións das distintas administracións públicas, empresas do sector e a diversos expertos relacionados con este campo. O evento, que comezou a celebrarse en 1989, é un espazo de intercambio de experiencias, ideas e proxectos en materia TIC e servizos públicos.

TECNIMAP 2010 chega a Zaragoza organizada de xeito conxunto polo Ministerio de Presidencia, o Goberno de Aragón e o Concello da capital aragonesa. Prevese a asistencia de 8.000 persoas procedentes de toda España e dalgúns países membros da Unión Europea e participación de preto de 300 empresas. Durante os tres días das xornadas celebraranse diferentes mesas redondas e talleres que completarán a actividade que se desenvolve na gran área expositiva, na que haberá demostracións prácticas dos servizos e sistemas punteiros no terreo das novas tecnoloxías e a administración electrónica.