A Secretaría Xeral de Modernización inicia hoxe en Santiago unhas xornadas formativas sobre o Esquema Nacional de Seguridade
Están dirixidas aos responsables políticos e aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas das administracións públicas
O Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento, establece as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte de todas as entidades públicas
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a organizar unhas xornadas, que comezan hoxe en Santiago, para difundir o Esquema Nacional de Seguridade nas distintas administracións públicas de Galicia. O obxectivo destas sesións informativas é analizar a esixencias derivadas da entrada en vigor do Real Decreto 3/2010 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración así como por calquera entidade de dereito público dependente deles.
As xornadas permitirán, tanto aos responsables políticos das diferentes administracións galegas (autonómicas e locais), como aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas, familiarizarse coas novas normativas, exixencias de cumprimento e as formas de responder á súa correcta aplicación a través de sesións de formación específica, relatorios e unha mesa redonda tras a que terá lugar un debate e as posteriores conclusións.
Esquema Nacional de Seguridade
O pasado 29 de xaneiro de 2010 publicouse no BOE o Real Decreto 3/2010 do 8 de Xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica, que desenvolve parcialmente a Lei 11/2007, do 22 de Xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.
O seu obxectivo é establecer as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte das administracións públicas e os principios mínimos que estas deben cumprir para garantir unha axeitada protección da información que xestionan.
O Esquema Nacional de Seguridade (ENS) é de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración (Administración Xeral do Estado, Administracións Autonómicas e Administracións Locais), é dicir, dende ministerios ou órganos autonómicos, ata concellos, así como calquera entidade de dereito público dependente da Administración (Universidades, Portos, axencias gobernamentais, etc.). Todos os sistemas existentes deben adecuarse ao ENS nun prazo de 12 meses dende a súa aprobación.
A entrada en vigor do Esquema Nacional de Seguridade busca crear as condicións necesarias de confianza para as relacións electrónicas entre os cidadáns e a Administración. Ademais, achegará unha linguaxe común para facilitar a interacción das Administracións públicas e introducirá un común denominador normativo que guiará a actuación das Administracións públicas en materia de seguridade das TIC.
Calendario das xornadas
A seguintes xornadas terán lugar nas delegacións territoriais de: A Coruña, o 15 de abril; na de Pontevedra o 25 de abril; en Lugo o 26 deste mesmo mes; o 28 de abril en Ourense e o 3 de maio en Vigo.
Poderá consultar o programa das xornadas na seguinte ligazón:
http://imit.xunta.es/portal/actualidade/axenda/2011_04_08_xornada_difusion_esquema_nacional_seguridade_coruna.html
Esta xornadas teñen carácter gratuíto, e o aforo será limitado, polo que prégase confirmar a súa asistencia, indicando: nome, apelidos, cargo ou posto, administración á que pertence e lugar e data ao que acudirá, no seguinte enderezo de correo electrónico: oficina.econcellos@xunta.es ou ben chamando á Oficina eConcellos: 981 957595.