A Secretaría Xeral de Modernización expón os avances na integración das TIC no ámbito xudicial galego no II Foro nacional de Boas Prácticas sobre Xustiza e Tecnoloxía

Xoves 13 de Xaneiro de 2011

A Secretaría Xeral de Modernización expón os avances na integración das TIC no ámbito xudicial galego no II Foro nacional de Boas Prácticas sobre Xustiza e Tecnoloxía

O Goberno galego destinou máis de 4,8 millóns de euros entre 2009 e 2010 á adecuación, renovación e mantemento das infraestruturas e equipamento tecnolóxico na Xustiza

A Administración autonómica adheriuse ao Esquema Xudicial de Interoperabilidade e Seguridade (EJIS) en decembro de 2009, que asegurará a compatibilidade dos sistemas de información entre comunidades

A Xunta de Galicia está a desenvolver un proceso de modernización tecnolóxica no ámbito xudicial no que é fundamental a coordinación de todos os actores implicados para garantir un funcionamento cohesionado dos distintos esquemas e aplicacións existentes. Para avanzar neste proceso a Administración Autonómica adheriuse en decembro 2009 ao Esquema Xudicial de Interorperabilidade e Seguridade (EJIS) que, entre outros aspectos, asegurará a compatibilidade dos sistemas de información entre Comunidades.

A importancia do EJIS no proceso de integración das TIC na Xustiza foi un dos aspectos destacados pola subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización Administrativa, María José García Sexto, no II Foro de Boas Prácticas sobre Xustiza e Tecnoloxías que organiza o Ministerio de Xustiza e que se celebra en Madrid hoxe e mañá.

O obxectivo do EJIS ,ao que están adherido o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza, a Fiscalía Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, é garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos do Estado e das Comunidades Autónomas permitindo a todos os xulgados e tribunais operar entre si e co Ministerio Público. Ademais, permitirá mellorar a eficiencia dos procesos evitando a duplicidade de tarefas e compartir a información necesaria para que o cidadán non teña que realizar trámites en distintas administracións.

Neste sentido, María José García, fixo fincapé na importancia do EJIS para establecer criterios comúns de aplicación nos procesos de modernización, rexistro e seguridade da información; para promover a posibilidade de acceso á información doutras administracións e impulsar un marco de comunicación, divulgación e colaboración.

Balance 2009-2010

A responsable de Modernización Administrativa fixo balance das actuacións desenvolvidas neste eido e indicou que o Goberno galego destinou máis de 4,8 millóns de euros entre 2009 e 2010 á modernizar a Xustiza desenvolvendo unha serie de actuacións orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable que permita avanzar na integración das novas tecnoloxías no eido xudicial.

Estas medidas enmárcanse no Plan Senda 2014, que establece a folla de ruta para implantar de xeito efectivo as TIC na Xustiza e que conta cun orzamento de 34 millóns de euros. Entre as accións desenvolvidas neste período durante o pasado ano instaláronse 11 novos sistemas de videoconferencia e no 2011 dotaranse outros 22 que se están a licitar neste momento.

En canto aos sistemas de información, ao longo do 2010 continuouse coa implantación do programa Lexnet, actualmente presente 64 órganos xudiciais, que permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados. Tamén se puxo en marcha o sistema de xestión procesual Minerva Nox e actualizouse o sistema de información das fiscalías Fortuny, O 99% do Xulgados de Paz xa ten acceso ao programa de Rexistro Civil en liña Inforeg, que permite realizar de forma centralizada a inscrición de nacementos, matrimonios e defuncións

No ámbito do equipamento, no 2010 procedeuse renovación de máis de 660 equipos ofimáticos de máis de 5 anos de antigüidade nas vilas e no 2011 cambiaranse uns 1.500 equipos nas cidades o que suporá a renovación do 87% dos postos de traballo. Por outra banda, o pasado ano impartíronse 1.600 horas de formación sobre as aplicacións Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, Inforreg e os sistemas audiovisuais, dos que se beneficiaron preto de 900 usuarios.