A Secretaría Xeral de Modernización e Red.es celebran en Santiago unha xornada para achegar solucións tecnolóxicas aos talleres de venda, mantemento e reparación de vehículos

Luns 14 de Febreiro de 2011

A Secretaría Xeral de Modernización e Red.es celebran en Santiago unha xornada para achegar solucións tecnolóxicas aos talleres de venda, mantemento e reparación de vehículos

Empresarios, autónomos e profesionais do sector participarán o 16 de febreiro nunha sesión gratuíta onde se lles amosarán as oportunidades que representan as TIC para o seu negocio

Os asistentes á xornada de Empresas en Red poderán visitar unha zona expositiva onde coñecerán servizos e produtos tecnolóxicos que contribúen a potenciar a rendibilidade e competitividade do seu negocio

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, celebrarán o vindeiro 16 de febreiro no Centro de Novas Tecnoloxías en Santiago de Compostela a xornada “Empresas en red” dirixida aos talleres de venda, mantemento e reparación de vehículos.

Estas Xornadas enmárcanse nun programa de ámbito nacional “Empresas en Red” do Plan Avanza2, do que se benefician empresarios, autónomos e profesionais de máis de 30 cidades españolas.

Nas ‘Xornadas empresas en red’, un equipo de especialistas amosan a aplicación e o uso eficaz da tecnoloxía específica para este sector co obxectivo de potenciar a súa competitividade e rendibilidade empresarial. As sesións teñen unha duración de 3 horas e responden a unha formulación dinámica e participativa. Inclúen unha demostración de ferramentas tecnolóxicas específicas para este sector e a participación dun empresario galego que aporta a súa exitosa experiencia co uso das TIC.

Ademais, os asistentes poden visitar unha zona expositiva con stands de empresas colaboradoras do programa que presentan produtos e servizos tecnolóxicos. As pemes, micropemes e autónomos poden inscribirse, de forma gratuíta, a través da páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica http://imit.xunta.es/portal/, na web www.jornadasempresasenred.es e nos teléfonos 901 900 333/881 999 119.

Proxectos Demostradores
Entre as actuacións do programa “Empresas en Red” executáronse Proxectos Demostradores para validar o impacto positivo que as novas tecnoloxías teñen no ámbito operativo e no de negocio. Mediante convocatorias por sectores de actividade nas distintas comunidades autónomas, Red.es selecciona ás PEMES beneficiarias, ás que se lles dota con equipamento TIC que inclúe hardware, conexión de banda larga, software e de solucións panca, ademais de formación e posta en marcha do sistema. Tras un período en funcionamento destas ferramentas, analízanse as achegas e melloras experimentadas no negocio para convertelas en “casos de éxito” que contribúan a acelerar o proceso de adopción de tecnoloxía por parte do resto das pemes do sector.

No caso de Galicia, foron un total de 151 empresas do sector de talleres de venda, mantemento e reparación de vehículos as que participaron nos Proxectos Demostradores, sendo Pontevedra con 78 talleres a provincia con maior participación, seguida de Coruña con 28, Ourense con 26 e Lugo con 19 talleres.

Os resultados destes Proxectos Demostradores en Galicia expoñeranse nas xornada de “Empresa en Red” do vindeiro 16 de febreiro en Santiago onde os empresarios, autónomos e profesionais asistentes coñecerán as oportunidades de incorporar un Terminal punto de venta e un Equipo de diagnose multimarca.