A secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica colabora coas tres universidades galegas para consolidar as oficinas de software libre
O departamento autonómico subvenciona con 120.000 euros máis de 20 actuacións nas tres institucións orientadas ao fomento do código de fontes abertas
O acordo enmárcase nas medidas promovidas pola Xunta para potenciar a aplicación do software libre nos sectores produtivos e estratéxicos de Galicia
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica apoia as actividades en materia de software libre e código de fontes abertas (FLOSS) das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo cunha achega de 120.000 para o exercicio 2010, segundo se recolle nun convenio de colaboración asinado coas tres entidades educativas. Con este financiamento o departamento autonómico contribúe á consolidación das oficinas de software libre universitarias en coordinación coa Oficina Técnica encargada do desenvolvemento do FLOSS en Galicia.
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros, e que o departamento autonómico presentou xa ás asociacións de usuarios e empresas de software libre galegas. O plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios, empresas de software libre e as tres universidades para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.
Nova versión de Ubuntu
Desde Innovación Tecnolóxica subvencionaranse con 40.000€ a realización de diferentes actividades en materia de software libre e de código de fontes abertas en cada unha das tres institucións educativas. Na Universidade de Santiago o convenio recolle o financiamento para a actualización de metapaquetes para a derradeira versión do sistema Ubuntu, liberada a finais de abril; a tradución de software libre e de código de fontes abertas ao galego en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC; a formación de persoas no proxecto Ubuntu-USC así como a potenciación doutras iniciativas formativas como as promovidas polo Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC). Ademais, a Secretaría Xeral colaborará no deseño e mantemento dunha serie de infraestruturas que está a crear a Oficina de Software Libre desta Universidade.
Actividades formativas e tradución de Zimbra
As actuacións que se subvencionarán na Universidade da Coruña abarcan actividades de asesoramento e información directa que se ofrecerán desde a Oficina de Software Libre aos usuarios que o demanden, solventando dúbidas e buscando alternativas libres a programas propietarios. Nesta mesma liña, realizaranse cursos sobre FOLSS na aula de formación libre, orientados a calquera persoa cuns coñecementos mínimos na materia con actividades específicas de instalación, manexo e configuración de aplicacións e sistemas operativos e continuaranse outras accións formativas en colaboración con CENATIC.
O convenio tamén prevé o financiamento de xornadas para promover e difundir o software libre a diferentes públicos así como o fomento do uso e desenvolvemento deste tipo de aplicación na elaboración de proxectos de fin de carreira por parte dos alumnos de Informática. Tamén se subvencionará a tradución da plataforma de correo Zimbra, a realización de manuais básicos das aplicacións máis comúns de software libre e de código de fontes abertas e a celebración de Install parties de Ubuntu.
Xornadas con empresas e Ciclo Documental
A Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo destinará a achega da Secretaría Xeral ao mantemento e actualización dos contidos da súa web así como á creación de 40 pílulas docentes sobre aplicativos de temáticas empresariais, e de grupos de profesores que realicen actividades en común sobre materias de software libre. Ademais, prevé a celebración da Xornada de traballo Días MáisQueLibres en cada centro ou grupo de centros afíns á Universidade para difundir o software libre e de código de fontes abertas. Tamén se celebrarán no campus unhas xornadas empresariais sobre solucións libres para que as empresas expoñan a súa visión das TICs libres e un concurso de localización de arquivos en formato propietario nas webs da universidade.
O convenio tamén inclúe a realización de actividades de formación sobre distintas tecnoloxías libres con talleres e charlas explicativas así como un laboratorio de boas prácticas de software libre e de código de fontes abertas, un ciclo documental sobre este tema cunha duración mínima de tres días e un obradoiro no que se realizará a proposta dun proxecto de software libre con membros da comunidade universitaria e a participación de empresas do sector.
Afondar no desenvolvemento e na investigación do software libre
Desde a Secretaría Xeral destácase a importancia de impulsar unha oferta de solucións libres de calidade, para dar resposta a determinados sectores estratéxicos. Tamén, fomentar a implantación efectiva dos estándares abertos e fortalecer os mecanismos de formación e difusión deste software e as súas vantaxes competitivas.
Por todo isto, desde o departamento que dirixe Mar Pereira avógase por afondar no desenvolvemento e investigación do software libre e de código de fontes abertas, reforzando a colaboración coas universidades e achegándoo á peme galega.