A Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aposta polo impulso da axenda dixital local na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Mar Pereira participou hoxe na sesión inaugural do Seminario sobre Innovación, organizado polo Eixo Atlántico. A Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico avogan pola innovación tecnolóxica con sendos proxectos europeos da ADL por valor de 3 millóns de euros.
A Administración Autonómica lidera unha destas iniciativas e está a traballar na súa candidatura aos fondos comunitarios por un importe de 1,5 millóns de euros.
O impulso da Axenda Dixital Local (ADL) é un instrumento esencial para a concreción da estratexia para o desenvolvemento da sociedade da información na realidade das rexións e cidades, a máis próxima ao cidadán. Así o subliñou esta mañá a responsable de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira durante a súa intervención na sesión inaugural do Seminario sobre Innovación, organizado polo Eixo Atlántico e que se celebra hoxe e mañá na Coruña.
A Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico apostan pola innovación como elemento de desenvolvemento rexional e cooperación transfronteiriza e están a desenvolver diferentes actuacións para a implantación da Axenda Dixital Local na Eurorrexión. Ambas as dúas institucións presentaron dúas candidaturas aos fondos comunitarios para a realización de iniciativas nesta área por un importe total de tres millóns de euros. A primeira delas cun importe de case 1,5 de euros xa foi aprobada e ten como obxectivo poñer en macha novas actividades relacionadas coa aplicación das TIC aos servizos públicos mediante a cooperación interrexional. Estase a traballar nunha segunda candidatura, liderada pola Xunta de Galicia, cun importe de 1,5 de euros para desenvolver específicamente unha ADL para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A secretaria xeral lembrou que é un feito que as novas tecnoloxías permiten modificar o xeito no que as persoas traballan, interactuan e viven diariamente, avanzando cara unha sociedade na que a información pasa a ser un ben de consumo demandado polos cidadáns e as empresas. Neste escenario as novas xeracións de usuarios esixen novos modelos de prestación de servizos e de relacións coas administracións, o que implica de xeito especial ás entidades locais, o primeiro elo de contacto da cadea institucional cos cidadáns.
Obxectivos
O obxectivo da Axenda Dixital Local, segundo explicou Mar Pereira, é fortalecer a capacidade de actuación das administracións locais e rexionais para garantir unha infraestrutura tecnolóxica adecuada e segura e promover servizos e aplicacións inclusivos baseados nas tecnoloxías da información e da comunicación. Trátase de estimular o desenvolvemento local modernizando as administracións públicas e xerando novos investimentos.
Ademais, o impulso da Axenda Dixital Local implica a disposición de servizos en rede como elemento chave para un rápido desenvolvemento do eGoberno, así como para facer as economías locais máis dinámicas e crear novos empregos. Con esta finalidade, Mar Pereira estableceu como premisas importantes a promoción da cooperación a longo prazo cunha planificación clara e unha estreita coordinación entre os diferentes niveis da Administración Pública.
Para asegurar o cumprimento destes obxectivos é fundamental asegurar o acceso da banda larga, especialmente nas escolas, institucións sanitarias, oficinas de gobernos locais e rexionais así como nos espazos públicos abertos aos cidadáns e ás empresas. A Secretaría Xeral de Modernización está a desenvolver o Plan de Banda Larga 2010-2013 para achegar Internet de calidade a todos os galegos, modernizar os servizos públicos en todos os puntos de Galicia e acadar a plena incorporación das TIC ás administracións.
Liñas estratéxicas
A secretaria xeral destacou tres liñas estratéxicas para o desenvolvemento da Axenda Dixital Local en colaboración coa Comisión de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e o Eixo Atlántico. É preciso dispoñer dun programa operativo de referencia para a implantación da ADL, sensibilizar aos responsables técnicos e políticos para o uso e aplicación das TIC e fomentar as redes dinamizadoras para compartir recursos e experiencias entre as entidades administrativas.