A secretaria xeral de Modernización destaca que o novo protocolo de direccións de internet permitirá novos servizos e aplicacións para todo tipo de dispositivos
Posibilitará o avance cara o concepto de “Internet das Cousas”, un novo esquema no que os obxectos e dispositivos cotiás estean identificados, conectados á Rede e poidan intercambiar información
Este ano entregáronse as últimas direccións IP dispoñibles no protocolo IPv4 e levarase a cabo a transición ao protocolo IPv6
O novo protocolo que terá maior seguridade e un mellor rendemento conta cunha cantidade de direccións de 340 sextillóns
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou hoxe que o despregamento do novo protocolo de direccións de Internet o IPv6 permitirá “novos servizos e aplicacións non só para usuarios senón para todo tipo de dispositivos avanzando cara o concepto da Internet das Cousas, un novo esquema no que os obxectos cotiás estean identificados e conectados á Rede”.
A responsable autonómica realizou estas declaracións na inauguración da Xornada “Preparando a Transición a IPv6, o Futuro de Internet”, organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A xornada aborda o cambio de direccións IP en Internet, rexida ata agora polo protocolo IPv4 e que este ano irá sendo substituído polo IPv6.
Neste sentido, a responsable de Modernización sinalou o papel que compete ás administracións públicas ”que podemos contribuír á popularización de IPv6 con actos de difusión, pero tamén iniciando procesos para o despregamento deste protocolo na propia administración e por suposto, adquirindo equipamento que garanta o soporte completo a IPv6, despregando sitios Web, servidores de correo, e calquera outros servizos da administración pública visibles dende Internet, que soporten IPv6 ou utilizando sistemas operativos que admitan IPv6, etc.”
Direccións IP e Cambio de Protocolo
As direccións IP son as etiquetas numéricas que identifican os PCs, Tablets e dispositivos tecnolóxicos que se empregan para navegar por Internet. Ata febreiro deste ano estas direccións estaban reguladas polo protocolo IPv4. Unha vez esgotadas as direccións dispoñibles neste protocolo é preciso que operadoras, fabricantes, creadores de contidos, provedores de servizos e usuarios estean preparados para migrar ao protocolo IPv6.
O esgotamento das direccións IPv4 é inminente, concretamente o 3 de febreiro de 2011 entregáronse as últimas direccións IPv4 a cada unha das 5 rexións, prevéndose o esgotamento en Europa para pouco antes do final do verán de 2011.
Por esta razón e outras como unha maior seguridade e un mellor rendemento deseñouse a versión 6 de IP, na que se conta cunha cantidade de direccións de 340 de sextillóns, que permite que cada computador ou aparato electrónico conectado á rede, teña a súa propia identificación. A expectativa é que non se esgoten as direccións IPv6 antes dos próximos 480 anos, ou dito doutro modo, asumindo unha poboación de 7 mil millóns de habitantes.
Xornada teórica e práctica
Co obxectivo de informar a migración a IPv6 o Cesga organizou esta xornada con contido teórico e práctico na que interen Jordi Palet, membro da Task Force sobre IPv6 da Comisión Europea. Palet traballa desde hai anos no desenvolvemento, promoción e despregamento do protocolo IPv6.
A xornada que convoca o Cesga é teórica e práctica e nela participan arredo de 150 persoas de diferentes perfiles, xestores de redes e servizos informáticos dependentes da administración, produtores de hardware, empresas de hosting de servizos en Internet, consultoras, empresas de creación de contidos en Internet, usuarios finais e alumnos universitarios e de ciclos superiores.
Día Mundial do IPv6
Con esta xornada Galicia prepárase para o Día Mundial do IPv6, que se celebrará o 8 de xuño. Este día Goolge, Facebook, Yahoo, Akamai e Limelight Networks, entre outros, ofrecerán os seus contidos sobre IPv6 co obxectivo de motivar ás organizacións a preparar os seus servizos para que o cambio de protocolo se faga sen problemas. Ata o momento, os provedores de contidos que se sumaron á devandita proba xa superan o 70% do volume de tráfico de Internet.
Cesga
O Centro de Supercomputación de Galicia xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, que interconecta a totalidade de Centros de investigación públicos na Comunidade incluíndo entre outros aos 7 campus universitarios, centros do CSIC, IEO, Meteogalicia … Dende hai 5 anos esta infraestrutura de comunicacións está preparada para soportar IPv6.