A Secretaría Xeral de Modernización convoca os premios ao desenvolvemento de novos contidos en internet 2010 cunha dotación de 162.000 euros
Búscase fomentar a creación de espazos innovadores e de calidade na Rede que contribúan ao desenvolvemento da sociedade da información.
Poderán participar tanto particulares como asociacións empresariais sen ánimo de lucro.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destinará 162.000 euros a premiar o desenvolvemento de novos contidos para Internet destinados a particulares e asociacións non empresariais sen ánimo de lucro no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información e no Plan Avanza.
O obxectivo do departamento autonómico con esta convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, é fomentar a creación de espazos para a Rede que destaquen pola súa creatividade e calidade e que sirvan como elementos tractores no achegamento as novas tecnoloxías a todos os colectivos sociais da Comunidade Autónoma.
Os premios divídense en catro categorías en función dos contidos:de carácter xeral para a rede; contidos públicos en Internet orientados aos colectivos con maiores dificultades de inclusión na sociedade da información: os destinados á promoción do Patrimonio, Cultura e Lingua Galegas, e aplicacións informáticas para a prestación de servizos en Internet que inclúan a formación e o asesoramento sobre a rede nos fogares. En cada categoría contémplanse dúas modalidades, a dos novos contidos desenvoltos por persoas físicas que disporá de catro primeiros premios de 8.000 euros (1 premio por categoría); catro segundos premios de 5.000 euros (1 premio por categoría) e oito terceiros premios de 3.000 euros (2 premios por categoría).
A segunda modalidade é a de novos contidos desenvoltos por entidades de dereito público e privado sen ánimo de lucro (agás as administracións públicas e asociacións de carácter empresarial), na que haberá catro primeiros premios de 10.000 euros (1 por categoría), catro segundos de 5.500 (1 por categoría) e oito terceiros de 3.000 euros (2 por categoría).
|
Modalidade |
Categoría |
2010 (euros) |
|
A: Novos contidos desenvoltos por persoas físicas. |
a) Catro primeiros premios de 8.000,00 € |
32.000,00 € |
|
b) Catro segundos premios 5.000,00 € |
20.000,00 € |
|
|
c) Oito terceiros premios de 3.000,00 € |
24.000,00 € |
|
|
B: Novos contidos desenvoltos por entidades de dereito público e privado sen ánimo de lucro, agás as administracións públicas e as asociacións de carácter empresarial. |
a) Catro primeiros premios de 10.000,00 € |
40.000,00 € |
|
b) Catro segundos premios 5.500,00 € |
22.000,00 € |
|
|
c) Oito terceiros premios de 3.000,00 € |
24.000,00 € |
|
|
Total |
162.000,00 € |
|
Os traballos que se presenten por calquera das dúas modalidades deberán reunir uns requisitos xerais como presentarse en lingua galega e estar acompañados dunha memoria na que se recolla a exposición e descrición do proxecto presentado. Todas as iniciativas deben ser orixinais, non comercializadas e non premiadas con anterioridade nin sufragadas pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas e estarán publicadas en Internet antes do último día da presentación de solicitudes. Tamén se indicará a URL na que estean publicados os contidos na rede así como a URL na que se poidan descargar os códigos fonte.
En canto aos criterios de avaliación para a elección dos traballos premiados, o xurado valorará a posibilidade de emprego do traballo nas plataformas tecnolóxicas máis estendidas no mercado tanto de escritorio como móbil, utilizando os navegadores web máis empregados, a calidade e a claridade da documentación técnica e dos manuais de usuario. Tamén se terán en conta os aspectos funcionais, técnico-estéticos e psicolóxicos. Outro punto a valorar polo xurado será o grao de innovación da idea, tanto no ámbito autonómico como no estatal ou mundial. A xeorreferenciación das imaxes e o emprego de licenzas libres e estándares abertos tamén puntuarán á hora de elixir aos premiados.
Os interesados en participar na convocatoria poden ter máis información e acceder a toda a documentación na páxina web da Secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas”, a través do teléfono 881 999 377, no enderezo electrónico axudas-sociedadeedainformacion@fundacioncalidade.org e presencialmente na Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información.