A Secretaría Xeral de Modernización colabora coa Universidade de Vigo na implantación do voto electrónico

Xoves 29 de Abril de 2010

A Secretaría Xeral de Modernización colabora coa Universidade de Vigo na implantación do voto electrónico

Unhas 4000 persoas poderán exercer o e-voto o vindeiro 20 de maio no proceso de selección de consellos.

A primeira experiencia de voto electrónico na Universidade de Vigo desenvolverase o vindeiro 20 de maio no proceso de elección de consellos que terán lugar nalgúns departamentos. En total son catro os departamentos que optaron pola modalidade electrónica nos que preto de 4000 persoas poderán exercer o seu dereito a voto para o que deberán dispor dun sistema de usuario/contrasinal ou PIN que lles proporcionará a Universidade, así como doutro tipo de certificado dixital.

Esta experiencia piloto que segundo a secretaria xeral da Universidade, Esther González, “é dunha gran relevancia porque vai servir de experimento para a implantación definitiva do sistema de voto electrónico nos vindeiros procesos electorais da Universidade”, forma parte do plan da Xunta de Galicia destinado ao desenvolvemento da sociedade da información e que no caso das universidades galegas materializouse na sinatura dun convenio de colaboración por un importe de 150.000 euros para a adquisición dunha plataforma de voto electrónico única dirixida ao conxunto da comunidade universitaria de Galicia.

Na presentación deste sistema, celebrada onte na Universidade de Vigo, o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, destacou que a colaboración entre as institucións académicas e a Xunta permitirá “facilitar a participación universal en condicións de igualdade e seguridade nos procesos electorais universitarios”. Pola súa banda, Javier Gil, director de vendas para o Sur de Europa da empresa Scytl, encargada do desenvolvemento do sistema destacou o “aforro e simplificación” que o voto electrónico introduce nun proceso electoral.

Os pioneiros na utilización dun sistema seguro e transparente
Dereito Público; Dereito Privado; Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e Deseño na Enxeñaría, son os catro departamentos da Universidade de Vigo nos que secretaria xeral, Esther González, confirmou que haberá votación electrónica, mentres que no resto “non é necesario realizar votacións ao presentarse o mesmo ou menor número de candidaturas que de postos a cubrir.

Tanto Esther González como Cristóbal Varela incidiron na seguridade e garantía de transparencia do proceso electoral no seu conxunto, así como da confidencialidade de voto. A comodidade de votar desde calquera ordenador, o aforro de recursos persoais e materiais e a protección medioambiental, “evitando a impresión de papeletas e sobres que só no caso da elección a reitor son 30.000, as mesmas que para o Claustro”, son as vantaxes do sistema que destacou Esther González que tamén incidiu en que o sistema está adaptado para evitar erros involuntarios no proceso de votación. “En concreto”, explicou González, “neste proceso introdúcese unha novidade para o fomento da paridade nos órganos de representación que establece limitacións sobre o número de candidatos e candidatas a votar por cada xénero. Pois ben, o sistema comunicaría ao elector que vota máis candidatos ou candidatas dos permitidos pola normativa electoral”.

O subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información situou á universidade como xermolo dos futuros administrados e salientou que o alumnado universitario “adoita ser, xunto co resto de estudantes, os máis proclives á utilización e achegamento á experimentación de novas canles de comunicación nunha sociedade tecnolóxica”. Por esta razón Varela manifestou a súa expectativa en que esta experiencia piloto teña boa acollida “o que non ocorre tan facilmente noutros sectores da administración”.

Unha plataforma empregada en procesos electorais en EEUU e Europa
A utilización da súa plataforma en procesos electorais desenvolvidos en EEUU, Francia ou Noruega, é segundo Javier Gil, director de vendas para o Sur de Europa de Scytl, o mellor aval desta empresas “con cento por cen capital español”. Gil destacou as garantías deste sistema no que unha mesa electoral cunha clave é a que tutela o proceso que garante tanto o segredo como a integridade do voto. “Co voto electrónico simplifícase ademais o proceso”, asegurou Gil que destacou que a administración autonómica galega foi a primeira en España en dispor dunha plataforma que permite realizar procesos electorais vía electrónica.

Un sistema para o futuro
A experiencia que se vai desenvolver o vindeiro 20 de maio nas eleccións a consellos de departamento permitirá, segundo a secretaria xeral, Esther González, “acumular unha experiencia que se poida empregar nas eleccións a consellos de campus que terán lugar o vindeiro mes de setembro”.

O voto electrónico, como explicou a presidenta da Comisión Electoral, a vicerreitora e Economía, María Montero, non se aplicará nos procesos de elección de reitor e de Claustro que tamén se celebrarán o 20 de maio “por unha simple cuestión de prazos derivada do momento no que se asinou o acordo coa Xunta de Galicia”. Ademais María Montero e Esther González manifestaron que para a posta en práctica desta experiencia piloto preferiu elixirse un proceso “máis limitado” como é a elección dos consellos de departamento.