A Secretaria Xeral de Modernización anima ás pemes galegas a investir en novas tecnoloxías para optimizar os seus resultados

Xoves 04 de Novembro de 2010

A Secretaria Xeral de Modernización anima ás pemes galegas a investir en novas tecnoloxías para optimizar os seus resultados

Mar Pereira inaugurou esta mañá as II Xornadas de Difusión de Software Libre para empresas que organiza a Asociación Galega de Empresas de Software Libre

A Xunta porá en marcha un Centro Demostrador TIC para que as pemes poidan acceder aos últimos produtos e servizos tecnolóxicos que melloren a súa competitividade

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, asegurou que a aposta polas novas tecnoloxías é hoxe en día “irrenunciable” e especialmente “para o tecido empresarial que a través dun uso racional das TIC poderá obter melloras substanciais na operatividade do seu día a día e na súa conta de resultados”.

A responsable do departamento autonómico, que inaugurou hoxe en Santiago as Xornadas de Difusión do Software Libre organizadas pola Asociación galega de Empresas de Software Libre (Agasol), indicou que a Xunta de Galicia está a mobilizar recursos e políticas para facilitar a incorporación de tecnoloxía por parte das empresas galegas.

Nesta liña de accións, a secretaria xeral lembrou que o Goberno galego porá en marcha no primeiro semestre de 2011 o Centro Demostrador TIC, “un espazo que se ubicará no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e no que as empresas TIC poderán mostrar de forma práctica produtos e servizos tecnolóxicos ás pemes interesadas no uso das novas tecnoloxías para que poidan mellorar a súa produtividade e competitivade”.

A responsable de Modernización puxo de manifesto “a alta capacitación coa que contan as empresas Software Libre galegas e o tecido TIC galego especializado en Software Libre ofrece produtos punteiros, e servizos da máis alta calidade e solvencia.”

Mar Pereira sinalou que é deber da Administración autonómica potenciar tecnoloxías que permiten aumentar o coñecemento, a competitividade e a fortaleza das empresas TIC galegas. Neste sentido recalcou que “tamén temos o deber de axudar a calquera empresa a poder elixir a tecnoloxía que mellor se lle axeita, maximizando a súa independencia do provedor, e permitíndolle optimizar a súa inversión en tecnoloxía”.

Colaboración
A celebración destas Xornadas inscríbese no convenio de colaboración subscrito entre a Agasol e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica o pasado mes de agosto para a realización de actuacións orientadas a promover un maior uso do software libre e de fontes abertas (FLOSS) entre as pemes, micropemes e autónomos galegos.

Entre as liñas de actuación previstas está a celebración das Xornadas que se inauguraron hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar e que continuarán ao longo do mes de novembro en Lugo (martes 9), A Coruña (xoves 11), Vigo (martes 16), Ourense (xoves 18), e Ferrol (xoves 25).

Grazas a achega da Secretaría Xeral de Modernización, Agasol está a desenvolver outras dúas liñas de actuación para a promoción do software libre na contorna empresarial galega creando un catálogo de servizos integrais paras as pemes, e a traducindo ao galego o aplicativo de comercio electrónico Magento.

Plan Operativo 2010 
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros O plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios, empresas de software libre e as tres universidades para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas