A secretaria xeral de modernización anima ao sector TIC a apostar pola cooperación para conseguir un tecido empresarial robusto e punteiro que exporte tecnoloxía
Aínda que Galicia é a sétima Comunidade autónoma con maior número de empresas TIC preto do 94% contan con menos de 10 empregados e o 90% do seu volume de negocio corresponde a clientes galegos
Estas cifras reflicten un sector moi atomizado e con baixos índices de internacionalización
Os últimos datos do Osimga revelan tamén que o sector aposta pola innovación xa que nos últimos dous anos case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i cun investimento de máis de 40 millóns de euros
A Xunta está a apoiar o desenvolvemento de novos e mellores servizos TIC que permitan a incrementar o grao de exportación e a internacionalización das empresas galegas
A Administración autonómica subscribiu un convenio de colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) que permitirá a mobilización de preto de 60 millóns de euros en proxectos de I+D+I en Galicia
Desde o Centro Demostrador TIC de Galicia estase a traballar para contribuír a incrementar a demanda de produtos tecnolóxicos e a adaptala ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos para a Comunidade
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, inaugurou esta mañá en Vigo a IX edición de Galicia TIC, punto de encontro do entorno profesional e empresarial das novas tecnoloxías da Comunidade. O Foro analiza, a través de conferencias, paneis temáticos, casos de éxito e talleres, as tecnoloxías que irrompen con forza no actual escenario socioeconómico como o Cloud Computing, as redes sociais ou o RFID.
Máis cooperación nun sector que aposta pola innovación.
A responsable de Novas Tecnoloxías indicou que Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC, cun tecido empresarial composto por case 1.800 empresas que ofrecen emprego a preto de 16.000 traballadores. Sen embargo, destacou que arredor do 94% destas empresas contan con menos de 10 empregados e que preto do 90% dos clientes destas empresas son galegos, o que ”pon de manifesto que contamos cun sector moi atomizado e con baixos índices de internacionalización”.
Por iso, a secretaria xeral avogou por “incrementar o nivel de cooperación dun sector estratéxico da economía galega, polo seu papel tractor do resto de sectores chave da economía, para contribuír a mellorar a súa produtividade e competitividade.” Mar Pereira indicou tamén que o sector TIC galego está a apostar polo potencial da innovación xa que, segundo os últimos datos do Osimga no período 2008 – 2010, case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i investindo máis de 40 millóns de euros.
Mar Pereira incidiu na necesidade “de aproveitar as amplas capacidades coas que contamos para desenvolver un sector TIC punteiro que exporte tecnoloxía e coñecemento, un obxectivo ambicioso máis se cabe no actual marco de crise económica”.
Captación de Fondos e Centro Demostrador TIC
Como primeiro paso para a consecución deste obxectivo a Xunta está a impulsar os despregamentos de redes de infraestruturas de banda larga para dotar de acceso á Rede a todos os galegos e por tanto, ampliar o mercado potencial de clientes de servizos tecnolóxicos.
No referente ao crecemento empresarial, a responsable de Modernización sinalou que “dende a Xunta de Galicia apostamos polo apoio para o desenvolvemento de novos e mellores servizos TIC que permitan incrementar o grao de exportación e a internacionalización das nosas empresas”.
Neste sentido, Mar Pereira afirmou que desde o Goberno galego foméntase a captación de fondos externos como coa recente subscrición dun convenio de colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), que permitirá a mobilización de preto de 60 millóns de euros en proxectos de I+D+I en Galicia.
Destacou tamén a posta en marcha, en xuño deste ano, do Centro Demostrador TIC de Galicia un espazo de referencia para innovacións e oportunidades tecnolóxicas, que ofrece ao sector TIC os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos.
A secretaria xeral rematou a súa intervención indicando que “a dixitalización das nosas empresas é unha condición necesaria para asegurar a viabilidade no futuro, é o momento de cambiar o noso modelo de negocio cara unha economía dixital, unha economía onde prime a produtividade e competitividade”.