A secretaria xeral de Modernización afirma que o lanzamento do XaTcobeo demostra a capacidade dos profesionais galegos das telecomunicacións para competir a nivel internacional
Destaca que o proxecto é un éxito académico e de investigación e felicita aos 30 doutores e 40 estudantes de postgrao da Universidade de Vigo que o puxeron en marcha
Afirmou que esta iniciativa pon de manifesto que a colaboración institucional permite que se poidan desenvolver iniciativas desta envergadura
Recordou que o Goberno galego aposta polo innovación tecnolóxica como panca para desenvolver un modelo socioeconómico sostible e robusto e por iso apoiou este proxecto financiado en parte polo operador público Retegal
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou hoxe que o lanzamento do picosatélite Xatcobeo supón un fito para Galicia e que “o éxito é ter chegado ata aquí porque demostramos o potencial dos profesionais galegos formados no sector das telecomunicacións para competir a nivel internacional e súa capacidade de innovación e de crear equipamento tecnolóxico de última xeración”.
Mar Pereira fixo estas declaracións durante a rolda de prensa previa ao lanzamento do picosatélite, previsto para o 13 de febreiro na Guayana Francesa. Na rolda de prensa interviñeron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, representantes de Instituto Nacional de Técnica Espacial (INTA), a Axencia Espacial Europea (ESA), e os coordinadores do Proxecto da Universidade olívica.
Éxito académico e de investigación
A responsable de Innovación Tecnolóxica resaltou que “o proxecto é un éxito académico e de investigación”. Foi a Universidade de Vigo a que, en colaboración co Instituto Nacional Técnica Aeroespacial (INTA), puido desenvolver un proxecto punteiro, coordinando a 8 grupos de investigación, 30 doutores e 40 estudantes de postgrao.
A secretaria xeral sinalou que o Goberno galego é coñecedor do valor da investigación e do desenvolvemento de novas tecnoloxías e profesionais. “Cremos que o I+D+i é a autoestrada que pode levarnos a desenvolver un modelo socioeconómico sostible e robusto. É por iso que apostamos por proxectos como este, ao que contribuíu economicamente o operador público Retegal”.
Mar Pereira felicitou a Universidade de Vigo e a INTA e tamén a todas as entidades que apoiaron o proxecto, desde o Goberno Centra, a Axencia Espacial Europea e a propia Xunta de Galicia e Retegal, “demostrando que a colaboración entre institucións da lugar a proxectos desta envergadura”.
O primeiro picosatélite galego
XaTcobeo é un picosatélite que responde ao estándar de enxeñaría CubeSat, que permite a construción de satélites a baixo custe e en prazos breves, o que permite o acceso á tecnoloxía espacial para empresas e universidades.
Alumnado, docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, foron os responsables do traballo de deseño, desenvolvemento, fabricación e integración, levado a cabo durante case catro anos.
Pola súa banda, os investigadores do INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), ademais de supervisar as actividades levadas a cabo na Universidade, encargáronse de dar soporte na xestión e enxeñaría, desenvolvemento da carga útil de radiación e o mecanismo de despregue, así como dos ensaios.