A secretaría xeral de modernización achega 30.000 euros á Universidade de Vigo para a realización dun Máster en Consultoría de Software Libre

Domingo 25 de Xullo de 2010

A secretaría xeral de modernización achega 30.000 euros á Universidade de Vigo para a realización dun Máster en Consultoría de Software Libre

O obxectivo é a formación de profesionais para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das TIC aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre

Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en Materia de Software Libre e de Fontes Abertas da Xunta para promover o seu uso na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achegará 30.000 euros á Universidade de Vigo para o desenvolvemento do Máster en Consultoría de Software Libre, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e correspondente ao curso 2010-2011. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado pola secretaria xeral, Mar Pereira, e o reitor da Universidade olívica, Salustiano Mato.

O Máster, que conta con 60 créditos e está divido en seis módulos, está aliñado cos obxectivos estratéxicos de Galicia no ámbito das TIC e ten como obxectivo a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre e códigos de fontes abertas (FLOSS).
 
Os titulados que cursen o Máster adquirirán competencias específicas  en desenvolvemento de aplicacións de software libre, en implantación de ferramentas de intelixencia de negocio, así como en consultoría, administración e xestión das TIC e seguridade e protección de datos.
 
Obxectivos
Os seis módulos do Máster teñen diferentes obxectivos formativos como afondar nos fundamentos, vantaxes e oportunidades que ofrecen os modelos de desenvolvemento de aplicacións de xestión baseados en software libre e proporcionar un amplo dominio das principais tecnoloxías de desenvolvemento de sistemas de información baseados en códigos de fontes abertas.
 
Dar formación específica sobre as principais técnicas de planificación, xestión e control de calidade de proxectos informáticos e sobre  o marco normativo e obrigacións legais relativos á seguridade dos sistemas de información e de protección de datos son outras das liñas estratéxicas do Master.
 
Dominar os aspectos e técnicas das actividades da consultoría informática así como os principais conceptos de estrutura da empresa, a función directiva, os procesos de toma de decisións, e o establecemento da política estratéxica da empresa é outra das áreas nas que se poderán formar os asistentes ao curso.
 
Nesta mesma liña de coñecemento do ámbito empresarial analizaranse e os fluxos e medios polos que os directivos das empresas reciben e distribúen a información do negocio así como os métodos e ferramentas que permiten aliñar a política TIC dunha empresa coas súas necesidades estratéxicas. Ademais, estudaranse  os principais métodos de auditoría e mellora continua en solucións TIC, co fin de poder realizar diagnósticos de situación, priorización de propostas tecnolóxicas e xestionar adecuadamente a infraestrutura TIC da organización.
 
Outro dos obxectivos do Máster é que os alumnos adquiran as capacidades directivas necesarias para liderar e motivar adecuadamente a equipos de traballo multidisciplinares. No apartado da seguridade a formación centrarase en dar a coñecer os principais tipos de ameazas aos que está sometido un sistema informático, así como os métodos de protección, detección e políticas de seguridade.
 
Plan Operativo 2010
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros, e que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou o pasado mes de abril ás asociacións de usuarios e empresas de software libre galegas. O plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios, empresas de software libre e as tres universidades para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.